A Casa-Museo de Rosalía de Castro, de Padrón, adica o Día do Libro a memoria do galeguista, recentemente falecido e gran apaixonado da autora
24 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.A Fundación Rosalía de Castro de Padrón aproveitou onte a celebración do Día do Libro para «comezar a saldar a débeda de gratitude» que, segundo dixo a presidenta, Helena Villar, mantén con Avelino Abuín de Tembra, recentemente falecido e ao que onte lle dedicou o acto. Familiares e amigos do destacado galeguista, autoridades de Concellos como Padrón, Dodro ou Rianxo e fieis rosalianos -entre eles os patronos das Fundacións Rosalía e Pedrón de Ouro- déronse cita no auditorio da Casa-Museo de A Matanza, e non para chorar a desaparición de Abuín de Tembra senón, como dixo o escritor Anxo Angueira, para lembrar a súa loita pola «dignidade do pobo galego» e tamén a súa paixón por Rosalía.
Nun discurso cheo de sentimento que arrincou un sonoro aplauso do numeroso público que abarrotaba o auditorio, Anxo Angueira lembrou que «Galicia débelle moito a Avelino» e non só polos coñecementos que transmitiu como docente senón por toda unha vida de «activismo», plasmada en actividades nas que formou parte e mesmo foi o xerme, coma o Premio Pedrón de Ouro ou o Eusebio Lorenzo Baleirón, pero tamén nos artigos escritos en diversos medios nos que amosou o seu «profundo coñecemento histórico, cultural, literario e político de Galicia».
Anxo Angueira non deixou de lembrar a «intelixencia» e a «valentía» coa que Abuín de Tembra entendía Galicia, como un «proxecto común, de todos». O acto de lembranza arrincou descubrindo unha fotografía do homenaxeado e as capas de varios libros, ademais de escoitar a súa voz recitando un poema, mentres un dos tres fillos do escritor contiña a emoción. A Fundación Rosalía de Castro entregoulle a viúva un ramo de flores e a todos os asistentes un exemplar do libro Poetas con Rosalía II, o último poemario escrito por Avelino Abuín de Tembra e especialmente dedicado a autora.