«A xente pensa que 'heavy' é sinónimo de ruído»

M. B.

SANTIAGO

A banda galega Talesien presentará en Arteria Metal «Melancolía», disco remasterizado por Mika Jussila

24 feb 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O espazo Arteria Noroeste retoma a súa iniciativa Arteria Metal coa volta ao recinto do parque de Vista Alegre dun dos referentes absolutos do heavy metal galego: a banda Talesien. Tras o seu debut con The blind carpenter , o grupo retoma a actualidade discográfica con Melancolía , un segundo traballo con letras en castelán que falan de relixión, eutanasia ou violencia machista. O novo repertorio de Talesien, que será presentado o xoves en Arteria Noroeste, mostra a evolución no estilo da banda, con melodías épicas e pasaxes guitarrísticos próximos ao metal progresivo. Melancolía foi gravado nos Estudios Bonham de A Coruña e masterizado en Finlandia polo especialista Mika Jussila, todo un referente internacional do xénero.

-¿Que un grande especialista mundial faga a masterización dun disco, e so cuestión de ter cartos ou tamén hai que ter calidade?

-Si se paga, pode mirar un pouco a historia da banda e facer a masterización sen problema. Con nós, foi contactar con Mika Jussila, escoitou o disco, gustoulle e decidiu meterse. O que mais lle gustou de nós foi que foramos unha banda de España.

-¿Este concerto en Arteria Metal estará baseado unicamente nos temas de «Melancolía»?

-Si, aínda que tamén tocaremos temas do anterior disco, The blind carpenter . Será o último concerto de presentación do disco en Galicia.

-¿Qué diferenzas hai entre «Melancolía» e o anterior traballo?

-A máis grande é o idioma, pois en The blind carpenter cantabamos en inglés e Melancolía é enteiramente en español, con letras que falan de todo un pouco: de relixión, de maltrato ou de recordo a un profesor de piano que tiven, titulada Recuerdo de un adiós . Temas todos con moitas voces e moitas guitarras dobradas. É un traballo que non se fai en dous días senón de moitas horas de estudio.

-¿Por qué decidiron dar o salto de cantar en inglés a facelo en español?

-Por chegar máis ao público. É moi difícil chegar cantando en inglés, e si queríamos facer temas máis próximos á xente tíñamos que facelos en español.

-¿Nunca se expuxeron a facer «heavy metal» cantando en galego?

-No próximo disco temos pensado facer un tema en galego, algo tirando máis á terra. No anterior disco xa colaborou o guitarrista de Luar Na Lubre.

-Que o último disco de Talesien se chame «Melancolía» parece unha contradición. Un pensaba que entre os «heavies» non hai lugar para a melancolía.

-A xente está bastante equivocada co heavy , sempre pensa que é sinónimo de ruído. O heavy , como todo, evolucionou. Hai heavy de todo tipo, moi forte e moi melódico. Nós temos sobre todo temas moi melódicos. O noso disco poderíase escoitar en calquera emisora nacional.

-¿Veuse obrigado a evolucionar porque non vive o seu mellor momento?

-Non vive un bo momento. Neste país, ademais, sempre foi complicado, ao contrario doutros países europeos como Alemaña ou os países nórdicos. Aquí e moi difícil facerse cun oco a nivel nacional. Nós agora imos arrastrando público por Galicia, pero fóra xa nos é máis complicado.

-¿Vostedes teñen dedicación profesional á banda?

-Para nada, nin de coña. Intentamos cubrir gastos, pero é complicado.