«Lisboa é o primeiro ámbito da emigración galega»

Concha Pino

SANTIAGO

Documenta cinco séculos de idas e voltas á capital lusa, e a súa pegada laboral e emprendedora

22 ene 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Lisboa súmase ao mapa da emigración galega. Onte presentouse na Facultade de Xeografía o libro de Xan Leira Historia dunha emigración difusa. 500 anos de emigración galega a Lisboa , editado por Acuarela Comunicación. A obra é o resultado de máis de dous anos de traballo a partires das investigacións de Domingo Lopo, que asesorou a Leira nesta obra de análise e pescudas na que inclúe material gráfico e máis de setenta testemuñas

-¿Como foi esta emigración de séculos?

-É da que aprenderon os que foron moito despois ás Américas. Hai que levar o reloxo cara atrás e situar Lisboa como o primeiro ámbito moderno da emigración galega e considerar a importancia da súa intervención, porque a Lisboa que coñecemos conserva a pegada laboral dos primeiros grupos de traballadores da construción e noutros ámbitos, e xa no XIX como parte da intelectualidade e da política. -¿Que queda desa presenza?

-A parte do peso nos sectores da construción e do servizo doméstico, tivo que ver con moitas iniciativas anovadores, porque as primeiras empresas de catering e funerarias eran de galegos, que tamén foron os primeiros cobradores do frac, debido á fama de honestos e de legais que tiñan, mesmo para coidar a persoas enfermas. Os primeiros bombeiros e condutores de ambulancias lisboetas foron galegos.

-¿Aqueles primeiros grupos asentáronse aló?

-Evolucionou co tempo, pero sempre foron fluxos de ida e volta que deixaron a súa pegada. Entrevistamos a portugueses con antecedentes familiares ben antigos. No XIX xa era habitual que os fillos naceran en Lisboa, porque antes as mulleres viñan parir a Galicia.

-¿De que cifras de emigrantes está a falar?

-Datos obxectivos e científicos non hai, porque os censos son de 1800 en diante. Hai crónicas de viaxeiros ingleses e franceses que falan dunha presenza multitudinaria e que cifran en 30.000 os galegos que había en Lisboa cando a cidade tiña 300.000 habitantes. En todo caso, a presenza era importante e estaba moi presente como forza de traballo. Tanto é así, que as dúas primeiras películas da filmografía portuguesa son sobre galegos: Diogo Alves , un galego de Chantada que polo día era un traballador e pola noite un asasino en serie, é Mozos do Frete , arredor do mundo das mudanzas.

-¿É a primeira vez que o seu labor de documentalista da emigración é deste lado do Atlántico, non si?

-Si, nunca traballara sobre a emigración intrapeninsular e intraeuropea. E estou moi contento porque é un achado histórico, que marcará un fito na historiografía galega. O meu esquema de traballo é multimedia, así que estamos na fase de posprodución dunha película documental e tamén montamos unha exposición itinerante.