«A miña 'ópera prima' é cen por cen galega»

Manuel Beceiro

SANTIAGO

O realizador compostelán presentará na Seminci a súa primeira longametraxe, «La noche que dejó de llover»

18 sep 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O compostelán Alfonso Zarauza ía para home da xustiza, pero un bo día, case como Deus, comezou a escribir dereito sobre liñas torcidas, liñas que lindan cos soños, liñas que son cine. Así se adentrou no mundo do celuloide, case como quen non quere a cousa, facendo curtametraxes en tempos en que ninguén aquí daba un duro por estes xoves. Premiado como guionista dunha longametraxe producida por Brasil e Cuba, Minerva é nome de mulher , exerceu de produtor en Un rey en La Habana e dirixiu o documental Machín, toda una vida . Agora chégalle a hora da súa primeira ópera prima , La noche que dejó de llover , que se presenta no festival de cine de Valladolid, e por cuxo guión levou un premio no festival Laliff de Los Ángeles.

-A súa primeira longametraxe estará na sección de películas de especial temática ou estética da Seminci. ¿Estar aí non é xa todo un éxito?

-Creo que si é un grande mérito para unha ópera prima estar aí. Ademais, esta mesma semana, nos seleccionaron para estar no festival de São Paulo e no Villa del Mar, o festival máis importante de América Latina xunto co da Habana. A idea agora sería poder entrar en Sundance. Si entramos aí sería cubrirnos de gloria.

-Co valor engadido de ser unha película case totalmente galega. -Si. É unha película cen por cen galega. Aínda que as produtoras de Madrid sempre teñen receo destas cousas conseguín que os actores (Luís Tosar, Miguel de Lira e Chete Lera) e a maioría dos técnicos, salvo o director de fotografía e o axudante de dirección, foran galegos. Ademais rodouse totalmente en Santiago. -A historia que conta «La noche que dejó de llover» é tamén moi compostelá.

-Si, é unha historia que sucede en Santiago nunha noite moi do mundo da bohemia compostelá, moi friki .

-Para os seus comezos no cine, atoparse con outro director novo como Pablo Iglesias, que tamén ahora estrea a súa «ópera prima», ¿foi decisivo?

-O de Pablo e eu era unha mestura de inxenuidade, ímpeto e gañas de facer cousas. E conseguimos facer cousas cando non era sinxelo. No ano 94 era complicado facer curtametraxes. Nós sempre crimos que eramos cineastas e ninguén nos tomaba en serio, pero ao final tivemos sorte.

-¿Non pensa que chegou xa a hora de que Galicia teña directores con proxección internacional?

-Si. Aí entra a conxuntura política, porque antes había unha política de fomentar a dúas ou tres produtoras que apostaban por directores de fóra. E agora hai unha política de apostar pola xente nova e galega. É unha política moi valente.