O escritor Vázquez Pintor dará nome á biblioteca de Melide

La Voz

SANTIAGO

A biblioteca municipal de Melide levará o nome do escritor nado na vila Xosé Vázquez Pintor. As instalacións, sitas no edificio multiusos, adoptarán o nome do novelista o vindeiro día 7 de xuño dentro dos actos culturais programados con motivo da entrega a Vázquez Pintor do símbolo E, un galardón que outorga a Asociación de Escritores en Lingua Galega para distinguir ao escritor do ano.

Coincidindo con ese recoñecemento, o Concello melidense bautizará a biblioteca co nome do escritor, que xa avanzou que, en próximas datas, doará varios volumes da súa propiedade, entre os que figuran libros dunha grande valía pola súa orixinalidade, poemarios antigos e outras pertenzas que forman parte do universo persoal e literario do autor.

Dende o Concello de Melide, a alcaldesa, Socorro Cea, manifestou que é «un orgullo para todos os melidenses contar cun veciño da valía literaria de Xosé Vázquez Pintor, polo que sendo como é un home de letras, a biblioteca municipal non podería levar outro nome senón o seu».

Mais non será este o único recoñecemento institucional que reciba Vázquez Pintor na súa vila natal. Entre os numerosos actos previstos, descubrirase un monolito na súa homenaxe que levará gravado un poema escrito por el mesmo para a ocasión. Ademais, ao seu carón plantarase unha árbore, que será, por propio desexo do autor, un buxo.

A homenaxe que o Concello de Melide brindará a Xosé Vázquez Pintor e a distinción que lle outorgará a Asociación de Escritores en Lingua Galega sumarán novos avais á dilatada traxectoria do escritor. As súas obras de narrativa e de poesía foron distinguidas con numerosos e prestixiosos premios como, entre outros, o Eduardo Pondal, Cidade de Ourense, Esquío, Uxío Novoneyra, Carvalho Calero, Torrente Ballester, Vicente Risco ou o Premio da Crítica Española.

Os recoñecementos que Vázquez Pintor recibirá no seu Melide natal converterán á vila no epicentro da literatura e da cultura galegas o vindeiro 7 de xuño. Ese mesmo día darase a coñecer o fallo do xurado dos certames literario e de investigación, convocados polo Concello melidense para promover, respectivamente, a creación de narrativa en lingua galega e os estudos que aporten coñecemento sobre a comarca. Será unha data para o recordo pois ese mesmo día cumpriranse setenta e cinco anos da publicación do libro de etnografía Terra de Melide , editado polo Seminario de Estudos Galegos para a Editorial Nós.