O segredo deste autor é contar con rigor, humor e claridade fenómenos e avances de interese xeral
19 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.A Xurxo Mariño Alfonso interésalle a ciencia como docente e como investigador en calidade de profesor de Bioloxía da Universidade da Coruña. Pero tamén a maneira de achegar o coñecemento científico aos demais. Por iso escribe uns relatos curtos no portal www.culturagalega.org , nunha sección que se chama Os dados do reloxeiro . Con ese título publicou no 2006 un libro no que reuniu os artigos que levaba publicados. E onte presentou outro volume cos que colgou no mesmo medio electrónico nos dous últimos anos, esta vez baixo o título Po de estrelas , co subtítulo Novas receitas dos dados do reloxeiro .
-¿Non hai máis novidades que as receitas novas?
-O libro ten o mesmo formato que o anterior, pero nesta colleita hai unha novidade como as infografías, que fixo expresamente Manuela Mariño, deseñadora gráfica de La Voz de Galicia; e outra é que as viñetas que ilustran os relatos desta volta son de Santy Gutiérrez. No libro anterior o ilustrador fora Xosé Lois O Carrabouxo . E os textos penso que están mellor, no sentido de que ao ir escribindo foron aparecendo cousas, rexistros, e están máis maduros que no volume anterior. -¿Ten un guión establecido para os relatos que van sacando no portal do Consello da Cultura? -Non. Xorden cando hai algo. Unhas veces son a propósito dalgunha nova científica ou dalgún feito. Á hora de recollelos no libro, tanto neste coma no anterior, agrúpanse en áreas sobre Astronomía e sistema solar, Planeta terra, sobre o ser humano no eido da bioloxía, sobre tecnoloxías e tamén de temas de bioloxía animal e de plantas. -¿Por qué e necesario divulgar a ciencia? -Porque é unha ferramenta útil para todo o mundo, e porque é fácil usala para tonterías que se nos din, coma os horóscopos, porque descoñecemos a verdade de cousas básicas da ciencia sen misticismos, e sen necesidade de ter formación científica. Paréceme fundamental que as persoas teñamos que pensar por nos mesmos, sen crer o que nos digan os demais, ter capacidade crítica. -¿O descoñecemento leva a falsas interpretacións? -Claro. Algunhas preguntas poden sorprender simplemente porque nin se consideran por parecer algo obvio. O 10% das persoas non sabe dicir que é o sol. Está aí e punto, e non saben que pasa con el. Ou por que se sabe que hai vida na terra, no suposto de que nos observaran a moita distancia do planeta terra. -¿Cal é a razón de que non se achegue este tipo de divulgación aos escolares? -Algo se vai facendo, pero no hai moitos textos. Por iso Díaz Fierros pensou en presentar este libro no instituto Rosalía, e foi moi gratificante a resposta dos alumnos. O anterior tivo boa acollida entre moitos profesores, que me escribiron dicindo que lles axudaba nas clases. Tamén houbo rapaces que me comentaron o libro en correos electrónicos, e que me entrevistaron para xornais escolares.