Antonio Piñeiro presenta a obra poética e plástica de Baldo Ramos e os exemplares de dez obras artesanais
27 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Editar poesía non é rendible comercialmente, ou menos rendible que outros xéneros literarios. Esa foi unha das razóns que animaron ao escritor Antonio Piñeiro a publicar poesía, a facer unha edición independente de libros que son pequenas obras de arte, e que non se repiten porque están feitas a man. O proxecto naceu «coa idea de recuperar o libro como arte e darlle un carácter distinto e único, sobre todo agora que o libro como obxecto está degradado polos medios informáticos e Internet».
Este serán presenta na libraría Couceiro o último título da Colección Bourel , un libro de Baldo Ramos titulado Monólogo do calígrafo , que reúne en 58 páxinas literatura, caligrafía e pintura do autor. O libro ofrece un xogo de pintura e textos caligráficos e impresos que, segundo o editor, «constitúe un pulso entre vexetal e líquido moi vivo, áxil e colorista». Baldo Ramos, que ademais de poeta e artista plástico é profesor, realizou outros libros de autor como Ut pictura poesis , As follas da memoria , Signos de Cinza . Neste último indaga os entremundos e a simbiose da pintura coa poesía, da grafía coa pintura, do xesto e da mancha.
A sobrecuberta do libro está feita en papel Nepal fibrado en cor tella feito a man, cunha ilustración tipográfica que individualiza cada exemplar tamén externamente, porque internamente non hai un igual a outro dos cen que conforman esta edición numerada e única. Baldo Ramos fixo arredor de 600 orixinais, polo que non é de estrañar que lles levara máis dun ano rematar a obra. En contra do que se podería pensar, este libro véndese a 10 euros.
A presentación que ten lugar hoxe complétase cunha actuación musical a cargo de Víctor Blanco, que lle porá música ao recitado dos poemas cunha guitarra barroca. Pero ademais, Antonio Piñeiro estará no acto cun exemplar de cada un dos dez títulos da colección e cunha selección de pezas acumuladas do proceso de produción das mesmas para expoñelas no espazo da librería durante unhas poucas horas. É unha mostra puntual e única como as pezas, entre as que Piñeiro destaca 37 poemas por man propia , unha antoloxía poética na que 37 autores galegas de poesía de hoxe escriben de puño e letra o orixinal do poema directamente nas páxinas do libro. A tirada desta obra, prologada polo presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro, é de 3.700 orixinais feitos de maneira directa e individualizada.
Piñeiro explicou que as tiradas tan curtas que fan responden ao seu interese e ao dos autores, «debido á falta de medios para producir máis, pero sobre todo a que non queremos darlles a estas obras un carácter masivo, e porque non temos afán de lucro senón de creación, somos un laboratorio creativo». Pola contra, a calidade destas creacións artísticas e literarias está ao alcance de todo o mundo, «porque sen que nós fixeramos nada, bibliotecas como a da Universidade de Santiago e doutras institucións públicas demandáronnos algunhas das nosas obras, onde todo o mundo ten acceso a elas».
O editor explica que en todo o estado só hai outras tres iniciativas semellantes á súa, promovidas por Emilio Sdrun, Paco Cimpián e Segundo Santis.