O Museo do Pobo Galego, recibiu onte a máis alta distinción municipal: a Medalla de Ouro da Cidade ao Mérito Cultural, coa que o Concello de Santiago, a proposta do alcalde, acordou por unanimidade distinguir a esta institución. O presidente do Museo do Pobo Galego, Isaac Díaz Pardo, recibiu de mans do alcalde, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, e do ministro de Cultura, César Antonio Molina, a Medalla de Ouro e o Pergamiño de Honra da Cidade no curso dun acto que tivo lugar na igrexa de San Domingos de Bonaval e que contou coa presenza de personalidades de todo o amplo espectro político, social e cultural de Compostela. O presidente do Museo do Pobo Galego, Isaac Díaz Pardo, recibiu de mans do alcalde e do ministro de Cultura tamén o Pergamiño de Honra da Cidade.
O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, que acompañou ao ministro nunha visita polas diferentes instalacións do Museo antes do comezo do acto, abriu este facendo historia do nacemento da institución desde que os membros da Xeración Nós soñaran coa creación dun centro no que todos os galegos se puidesen recoñecer. Foi un soño truncado pola Guerra Civil, ata que, recén estreada a democracia, Rafael Baltar, Carlos García Martínez e Xusto Beramendi, con axuda de moitos outros, lograron resucitar a iniciativa do Seminario de Estudos Galegos. Sánchez Bugallo citou a outros importantes persoeiros que tiveron un papel relevante no nacemento do Museo do Pobo Galego, como foron Xaquín Lorenzo, Luciano García Alén, Xerardo Fernández Albor, presente no acto, Domingo García-Sabell, Ramón Piñeiro e Francisco Fernández del Riego.
Desde que en 1977 o Concello impulsou o nacemento do Museo en 1977, na á norte de San Domingos de Bonaval, o proxecto, segundo resaltou na súa intervención a primeira autoridade municipal, «foi imparable». «O Museo do Pobo Galego -lembrou- é unha mostra do que somos para a xente de fóra que desexa coñecernos, pero sobre todo é para nós, para reivindicar a nosa idiosincrasia e sermos conscientes de que un pobo que non se identifica a si mesmo non pode avanzar». Bugallo resaltou que a institución, con cen mil visitas de media, 30 anos despois «é un proxecto consolidado» e «un banco simbólico que debemos aproveitar e difundir».