«É un reto poder ver a Vía Láctea dende calquera punto da cidade»

SANTIAGO

O matemático cree que é probable que non esteamos sós no universo; mirando ?as estrelas, di, apréndese a ser consciente de que «somos algo insignificante»

25 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

O matemático José Ángel Docobo (A Coruña, 1951) leva toda a vida mirando cara arriba: cando era novo practicou o salto de altura, o baloncesto sempre lle entusiasmou -é presidente do Obradoiro- e, sobre todo, é astrónomo. Esa paixón polas estrelas levouno a dirixir o observatorio astronómico Ramón María Aller, da Universidade. Dentro de dous anos será o primeiro galego que presida unha comisión da Unión Astronómica Internacional.

-Isto é un pouco conversa de ascensor, pero hai que falar do tempo. Este é o ano máis seco dende que o observatorio ten datos, dende 1947.

-Si, efectivamente, aínda que en 1971 xa se viviu unha situación semellante. Para nós, para a astronomía, é unha situación bastante boa, porque temos o ceo despexado e podemos observalo.

-¿Que fai o observatorio?

-Facemos un labor múltiple. O observatorio fundouse en 1943. Ao ser universitario, as misións principal son a docencia e a investigación. Eu preocupeime tamén da divulgación. Acaba de rematar a semana da ciencia, onde se propón un amplo programa. É importante que a xente saiba que a astronomía existe como ciencia e hai profesionais que se dedican a iso. Para nós é moi importante a investigación astronómica. Don Ramón María Aller introduciu en España a investigación de estrelas dobres, que é a nosa principal liña. Desde o 2003 a profesora Josefina Lin e mais eu coordinamos a publicación da sección 26 da Unión Astronómica Internacional, que é a encargada da investigación en estrelas dobres. Eu son vicepresidente desa sección e tomarei posesión dentro de dous anos como presidente. O domingo que vén temos unha observación nun dos maiores telescopios rusos, desprázase un grupo noso alá. Todo o material que recabamos procesámolo aquí e facemos publicacións.

-En Santiago a maioría dos días do ano hai nubes, ¿é bo sitio para ver as estrelas?

-Tampouco son tantos días. Os días de choiva non pasan do 40% do ano. En canto a días de observación, temos 100 ou 120. Pero por aí adiante non hai moito máis. Si que hai lugares privilexiados, como as montañas de Chile, Hawai e as Illas Canarias. Pero o observatorio de Greenwich, en Inglaterra, como dicía don Ramón María Aller, non supera a Santiago en días de sol, e chegou ser o meridiano 0.

-¿A iluminación da cidade limita a observación do ceo?

-Por suposto. Pero é un reto para nós tratar de acadar dentro da cidade un ceo aceptable. Nós estamos contra a contaminación lumínica. Queremos que as luces públicas e privadas se utilicen para o que se teñen que utilizar. Na cidade hai focos que están obsoletos, que iluminan en todas as direccións. Iso é un derroche. Xa pedimos ao Concello un plan de uso da iluminación. -¿Que se aprende de mirar as estrelas? -Apréndese que as cousas non só ocorren aquí abaixo. A xente pensa que o mundo é só isto. Apréndese a darse conta que somos algo insignificante, e iso leva a comportarse doutro xeito. Probablemente, por aí fóra haxa seres coma nós. -E vostede quere, concretamente, recuperar a Vía Láctea para o ceo compostelán. - A Vía Láctea representa moito para Santiago e para o Camiño. Os peregrinos, no verán, pouco antes do amencer, erguíanse e sabían que dirección tiñan que seguir, porque está orientada de leste a oeste, como o Camiño. É un reto importante que dende calquera punto da cidade se poida ver a Vía Láctea. -¿De onde lle vén esa paixón pola astronomía? -Pode ser que influíra en min un tío meu que estudou matemáticas e que tivo pouco contacto con don Ramón. Pode ser tamén algo innato. Cando estudaba o preuniversitario estudabamos cousas de astronomía e a cousa dábaseme bastante ben e gustábame. Fixen o doutorado en Zaragoza.