«A olaría tradicional xa é historia»

Concha Pino

SANTIAGO

O coñecido médico recibiu onte a Insignia de Ouro da institución pola súa contribución coa doazón de importantes fondos e información de cerámica

28 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

O Museo do Pobo Galego distinguiu onte ao vicepresidente do seu Padroado e membro fundador, Luciano García Alén, coa Insignia de Ouro da institución, en recoñecemento polo seu intenso traballo no eido da olaría galega e polas importantes doazóns que fixo ao museo. Nacido en 1928 no popular barrio de A Seca, en Santa María de Mourente de Pontevedra, veu estudar Medicina a Compostela e quedou para sempre na cidade, na que exerceu de xinecólogo ata hai uns poucos anos. O currículo científico e cultural deste médico e promotor de actividades e iniciativas como a do Clube Nacionalista Alén Nós é imposible abranguelo nunha conversa arredor do seu amor e tesón para buscar e recuperar pezas da olaría galega. Recibiu a distinción rodeado da súa familia e de moitos amigos, e rematou as súas palabras de agradecemento cun pequeno poema dedicado á súa dona, María García, colaboradora neste labor. -¿Que significa para vostede este recoñecemento? -Creo que as satisfaccións que levei, o cariño da sociedade que eu visitaba e que aínda me saúda pola rúa e me quere moito é abondo. Penso que é moito máis interesante o pasado que o presente. -¿Como lembra os inicios do Museo do Pobo? -Supuxo unha interpretación de Galicia que nos iluminou a todos. Pero coa estampa pasada non chega, pésalle moito a Historia e hoxe en día ten que actualizarse e ir ao día coa evolución da nosa sociedade. -¿E o seu labor cos oleiros, como empezou? -A circunstancia de dispoñer dun espazo que había que encher de cousas e da historia de Galicia era máis que suficiente para implicarme, aportar a miña colección. Eu tiña unha pequena experiencia museística co Museo de Pontevedra, no que meu irmán Alfredo era secretario e co que traballaba moitas veces de asistente. -¿Xa andaba por toda Galicia na busca de oleiros? -Foi posterior. Oíra falar duns artesáns de Buño que ían vender olas á feira de Carballo. E viaxei alí coa miña muller. O que me estimulou a buscar e estudar pezas de barro foi o pouco valor que lle daban os propios artesáns, que me dicían «isto non vale para nada». Así que pensei que se non se facía algo ían desaparecer, como de feito pasou coa olaría tradicional pola perda de uso. Hoxe xa é historia . -A súa obra «Alfarería de Galicia» é un referente. -Estudei toda Galicia, porque non había nada. E percorrín parte de España e todo o que puiden para coñecer o que se facía noutras partes. Facíao no tempo libre, fins de semana e vacacións, porque tiña que compartir a medicina coa olaría. -¿Está ben representado o oficio no Museo do Pobo? -Bastante ben. Incluso está o taller completo que me regalou un oleiro de Mondoñedo cando se retirou. A colección ten un número bastante elevado de pezas, non só doadas por min, tamén por outras persoas. -¿Perdeuse a calidade onde aínda traballan o barro? -Evolucionou a unha cerámica menos utilitaria. A industria ocupou ese espazo e agora ten sentido ornamental. -¿Destacaría a dalgunha zona ou tradición? -É difícil dicilo, pero en Mondoñedo facíase cunha gran perfección, e habíaa tamén boa en lugares como Gundivós e Niñodaguia, onde aínda hai quen segue traballando. En Buño coidouse moito e segue habendo talleres e xente interesada.