Cancións que sobrepasan os xéneros

La Voz

SANTIAGO

18 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

A Santiago Auserón quedoulle demasiado tempo aquela aura de pertencer a un grupo da movida. Tentou borralo con música e literatura que, como se sabe, é a peor forma de contradicir os tópicos. Con Radio Futura, con heterónimos, en solitario, co seu irmán, Santiago Auserón marcou carreira de inventiva musical e esixencia literaria que case ningún músico dos oitenta mantivo. Auserón tivo algunhas revelacións despois daquela cousa colorista da moda xuvenil. A refundación do grupo e unha decidida aposta por non deixarse levar polas facilidades dos retrousos nin polas sucesivas iluminacións do britpop e as súas constantes refundacións da música de Liverpool.

A primeira delas foi, seguramente, darse conta de que había territorio para o pop de calidade fóra do inglés. A segunda tiña que ver con encontrar algunhas raíces para esa opción en espazos en algo contrapostos ao anglosaxón. Auserón encontrou no Caribe e no trazado urbano de Barcelona unha resposta a varias interrogantes e deu con algúns camiños novidosos para o pop.

De cando en vez, Auserón se embarca nun proxecto singular e sen repetición. A máis recente das que se puideron ver en Galicia foi Las malas lenguas facendo versións en toda a dimensión do termo de grandes pezas da música popular do século XX. Versións sólidas, decididas e coidadas. Nada de amiguetes para facer unha xira.

A nova oferta de Santiago Auserón relaciona as súas grandes cancións con Radio Futura ou como Juan Perro nun formato de big band que cambia a circunstancia da música sen que cambie a melodía. Un formato jazz que, en moitos sentidos, será outra proba máis de que as cancións de Auserón están dispostas mesmo para a proba do algodón dos standars.

Segundo pasan os anos as cancións de Radio Futura van gañando algo que na inmediatez de aquel tempo non se apreciou entre os guateques e o exceso de imaxe do grupo. Esa é unha das grandes vantaxes do pop cando é bo: é capaz de adaptarse a todo.

O que gañan as cancións de Auserón é que agora poden escoitarse sen postureo e descubrir a flexibilidade da música para o fraseo de versos redondos, sinxelos, elegantes e ferintes que non precisan de ser etiquetados como poesía.