O Cineclube Compostela estrea a nova programación, a oitava, e tamén presidente da directiva que o goberna, cargo que vén de asumir Xan Gómez Viñas, licenciado en Xornalismo en vías de doutorarse que toma o relevo de Ramiro Ledo, un dos fundadores deste club para cinéfilos. -¿Que criterios barallades para elaborar a programación? -Somos dez ou doce persoas as que decidimos, e a parte de gustarnos o cine dun tipo ou doutro, inciden circunstancias como poder conseguir as películas, porque nós non temos acceso aos fondos da Filmoteca Española e temos que amañarnos como podemos sen recorrer ás distribuidoras, que ademais de cobraren uns 350 euros por proxección, teñen poucas cousas, porque o que buscamos está fóra dos circuítos comerciais. -¿Como conseguides as películas? -As veces, como as do ciclo antifranquista de novembro, porque tivemos acceso á serie que emitiu a TV3 hai uns anos, gravada en deuvedé. Outras son achegas de coleccionistas, pero o fundamental é Internet, porque hai moitos afeccionados que as poñen a disposición para baixalas. -¿O público son universitarios? -A maioría si, pero tamén asiste xente maior de 50 anos entre o público con fidelidade semanal. -¿A ver cine que está nos libros? -Do que é pouco coñecido e que xa é histórico, ou de realizadores de hoxe que non entran facilmente ou escasean na oferta comercial.