Un 70% dos veciños de Santa Comba consumen auga da traída

E.F.

SANTIAGO

A concesionaria municipal de abastecemento de auga, Aquagest, presentou a principios de setembro un informe técnico sobre o estado actual e posibles melloras para o servizo de auga potable de Santa Comba, informe que se lle solicitara desde o equipo de goberno para coñecela situación real do estado da rede de augas do municipio xalleiro.

Na descrición xeral do abastecemento Aquagest indica que de 10.647 habitantes censados, estímase que o número de veciños que consumen auga da traída municipal é duns 7.326, habendo un total de 2.442 abonados. No río Abuín, afluente do Xallas, cáptase o 100% da auga tratada e distribuída no abastecemento a través da ETAP de Abuín, bombeo de baixa, depósito de cabeceira, bombeo de alta e depósito de distribución.

Respecto ao caudal de deseño máximo, a concesionaria advirte que a planta de tratamento foi deseñada para un caudal de 13,7 litros por segundo, sendo na actualidade inferior á demanda de consumo. Pode tratar como máximo un caudal de 50 metros cúbicos por hora, 1.200 por día e 36.000 ao mes, sendo o caudal máximo rexistrado de 80 metros cúbicos á hora, 1.900 ó día e 58.900 ao mes, en agosto de 2006.

Para aumentala capacidade de bombeo Aquagest procedeu a instalar unha bomba de baixa xemelga a actual, garantindo o subministro, pero a empresa indica que ten o inconvinte de que «a auga diminúe o tempo de residencia na unidade de decantación, obtendo por tanto menores rendementos de eliminación de sólidos na auga tratada», dado ca o diámetro da tubería de impulsión é insuficiente, e polo tanto o caudal non aumenta.

Aquagest expón no seu informe diversas actuacións para garantizalo cumprimento das esixencias contidas na normativa de nova aplicación que incide no servizo de abastecemento, coa finalidade de que sexa o propio Concello de Santa Comba quen decida as actuacións convintes para o mesmo a para a súa mellora.