O Festigal marca tendencia

Concha Pino

SANTIAGO

A sexta edición do certame achega novidades como a maxia sen mudar o modelo da oferta lúdica e cultural

25 jul 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

SANTIAGO | «¿É aquí onde vai tocar unha profesora do Conservatorio? A pregunta facíaa unha señora de certa idade a media tarde de onte e nun dos extremos do amplo recinto acoutado para o Festigal. Un dos arredor de 200 colaboradores, identificables polo chaleque verde que visten, díxolle que si, que ía tocar nunha das carpas. Así é este evento. Diverso e plural na súa oferta lúdica, cultural e festiva, aberta, de balde e para todos os públicos, que ocupa o Campus Sur por sexto ano consecutivo os días 24 e 25 de xullo, organizado polas organizacións nacionalistas Fundación Galiza Sempre, Galiza Nova e unha comisión específica para o Festigal. A programación empezou na tarde de onte de maneira tranquila para incrementarse arredor das dez da noite e animarse coas primeiras actuacións cando os Fogos iluminaron o ceo de Compostela. O campus transfórmase de xeito ordenado e moi organizado. As pistas de cemento, agás as de tenis, teñen outro sentido e outra función. Enriba dunha delas está a carpa do Café Concerto, un acerto do Festigal dende a cuarta edición, para escoitar jazz e outras músicas de poucos decibelios mentres se toma una copa ou un café. Noutra está a novidade deste ano: a maxia dos profesionais galegos desta arte escénica, reunidos no espectáculo Magos no país das marabillas, co mago Antón de mestre de cerimonias. Este festival converteuse nun referente, non só porque é unha cita na que se presentan as producións culturais en galego do último ano, senón porque a festa é o motor dunha cita con identidade e frescura. As máis de trinta carpas instaladas albergan espazos protexidos da choiva ou do sol, pero de acceso diáfano. Baixo delas agrúpase unha oferta para todos os gustos e preferencias. Vai por zonas, e son a galería das ideas, a das letras, do audiovisual, asociacións, artesanía e tendas, ciencia e do software libre e a infantil. Na entrada está o gran escenario para os concertos e, polos arredores, os postos con comida artesanal chegados de todas as latitudes. Aínda que para comer, o mellor é achegarse ás inmediacións de San Lourenzo. Alí, carpas e toldos conforman un universo gastronómico no que reinan polbo e a carne á brasa.