«Sen o comercio non habería a cidade que coñecemos»

Ángel Paniagua Pérez
Ángel Paniagua SANTIAGO

SANTIAGO

Entrevista | Mercedes Vázquez Bertomeu A peza máis recente da mostra é a placa de Compostela Monumental; a máis antiga data de mediados do XIX

08 mar 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

?a conversa aparecen nomes como Galí, González, Raposo e outros moitos. Mercedes Vázquez conta unha historia de Santiago dende unha óptica que ten aos comerciantes como protagonistas. Historia do comercio en Compostela está aberta dende onte e ata o 9 de abril na Fundación Torrente Ballester. -Non tanto contar unha historia do comercio como explicar a importancia que ao longo da historia tivo o comercio na cidade. En Santiago había cregos, xentes da Universidade e demais, pero esa xente non producía, era indispensable que alguén abastecese a cidade. Os que o facían eran os comerciantes. -¿Cal é a peza máis vella que hai na mostra? -Non sei, se cadra son uns carteis publicitarios dun comercio que se chamaba El Buen Gusto, de finais do século XIX, que se dedicaba á confección. O traspaso dese establecemento colleuno a familia Riande, e seguiu a mesma liña. É un exemplo de que ás veces o peche dun comercio pode ser o comezo doutra cousa. -¿Que outros comercios tradicionais aparecen? -Nós collemos moito cariño aos grandes descoñecidos que levan toda a vida. A ferraxería Bernal, perfumerías Bermejo, ou Toxo. Son de toda a vida. A súa presenza no Ensanche é recente, pero veñen de tendas que xa estaban na zona vella. Outro exemplo é Juan Portela (no Hórreo), que é de electrodomésticos. Ese señor foi o pioneiro da radio en Galicia. Que unha tenda estea na zona nova non quere dicir que sexa tan nova. -¿Cre que o de ser comerciante lévase no sangue? -Precísanse habilidades e coñecementos que non todo o mundo ten, que se aprende facéndoo e véndoo. Outro exemplo de tradición son as tabernas. Os bares de agora, antes eran tendas de ultramarinos. Por exemplo, o bar da Rocha: sabemos que hai cento e pico anos alí había unha taberna, e posiblemente será a mesma. -Fala cunha visión moi romántica do comercio. -A este tipo de traballos cólleslle cariño. Tivemos contacto coa xente, cos comerciantes, e cóntanche historias de vida. A xente fala con orgullo dos seus comercios. E non é para menos: sen o comercio non habería a cidade que coñecemos. -Ultimamente pecharon varios establecementos de toda a vida. -É unha dobre sensación. É doloroso porque están ligados ás memorias persoais. Pero tamén é certo que o comercio ten que ser dinámico. Algúns pechan por puro éxito, porque os seus fillos non seguen a tradición dos pais e se dedican a outra cousa.