«Temos moitísimo valor patrimonial que descoñecemos»

Mario Beramendi Álvarez
Mario Beramendi SANTIAGO

SANTIAGO

Entrevista | Olga Conde Abalde Esta rapaza e unha amiga apostaron forte por un camiño con risco: o autoemprego no mundo da arte; pero atinaron e agora catalogan e divulgan pezas en toda Galicia

03 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

?lga Conde e Carmela Sánchez, fundadoras da iniciativa Etnoga, coñecéronse traballando no Museo de Pontevedra, onde facían un estudo de catalogación de patrimonio etnográfico. -Nese ano desenvolvemos tarefas de investigación, como a recollida de moitos datos sobre patrimonio galego, con bases de datos, e decatámonos que iso non ía ter saída: ese traballo quedou arquivado e nós pensamos que tiña que coñecelo a Administración e ser divulgado. -E xorde o negocio... -Exacto. Eu tamén fixera un curso de márketing de patrimonio, con Antonio Laporte, que tiña unha firma de este tipo en Barcelona. E ese exemplo serviu para abrirnos os ollos. -¿Que fai unha empresa como a de vostedes? -Temos moitísimo valor patrimonial que descoñecemos: nós non só traballamos en catalogalo senón en divulgalo. Tamén hai unha fronte que sería por máis en valor o que xa se coñece. -¿Cal é o patrimonio que non se valora? -Hai moitos exemplos: cruceiros, muíños, hórreos, ermidas, casas tradicionais e edificios que teñen un valor histórico. Incluso obxectos, como cadros, fotos ou un recolledor antigo. -¿Que fan para que a empresa sexa rendible? -Traballamos basicamente coa Administración pública e temos relacións con entidades privadas. Facemos contidos para unha web ou somos contratadas para a elaboración dun informe histórico artístico se alguén quere restaurar unha casa vella ou se a Administración quere aproveitar un edificio. Logo entraría a faceta divulgativa. Carmela e eu somos monitoras de tempo libre e podemos organizar actividades. -¿Quen contratou xa os seus servizos? -A Xunta, algúns concellos e tamén fixemos informes para empresas privadas. -¿Que grao de conciencia ven na cidadanía sobre a necesidade de preservar o patrimonio? -Sinceramente, creo que mellorou moitísimo duns seis anos a esta parte. Empézase a ver que, pouco a pouco, aplícase a normativa galega sobre patrimonio, que é do 1995; aínda así, continúan facéndose moitas burradas. -¿Como cales? -O listado é moi amplo: por exemplo, os hórreos de máis de cen anos deben ter un entorno de protección que en moitos casos non se cumpre; tamén hai cruceiros que se utilizan como rotondas en moitas vilas de Galicia ou igrexas nas que se colocan os farois encima da propia pedra do edificio. Creo que estas cousas non deberían suceder e, afortunadamente, dun tempo a esta parte hai un mellor cumprimento das normas.