Cando a solidariedade chegaba de Cuba

Emilio Forján NEGREIRA

SANTIAGO

Crónica | Unha asociación de A Barcala viaxa a La Habana A entidade Alén Mar vai visitar a capital da illa caribeña para celebrar o centenario da organización barcalesa que fundaron alí os emigrantes galegos

27 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

A asociación para a solidariedade Alén Mar da comarca de A Barcala, elaborou un programa de actividades co gallo do ano do centenario da fundación da sociedade Unión Barcalesa de La Habana. Segundo o seu presidente, José Manuel López Tuñas, ex alcalde negreirés, «o acto central terá lugar o 3 de novembro no Centro Galego de La Habana» para o cal organizarán unha viaxe «igual que fixemos os concellos de Negreira, A Baña e Brión no 75 aniversario» e que «publicitaremos a partir do verán porque as ofertas dos billetes de avión flutúan e aínda é pronto para pechar as condicións da viaxe e queremos subvencionar parte da mesma». Segundo López Tuñas «queremos que nos acompañen as autoridades municipais, provinciais e autonómicas porque se trata dun acto de moita relevancia». Alén Mar é a única asociación barcalesa que cumpre cen anos con vida activa. «Á Barcalesa debémoslle o que tanto fixo polo desenvolvemento educativo, económico e social, en tempos moi difíciles. Forman parte de nós, levamos moitos anos colaborando, e os presidentes xa nos visitaron varias veces e manteñen moi boa relación con algún alcalde». Nunha recente asemblea celebrada o día 12 deste mes, aprobouse un programa de actividades ao longo deste ano relacionadas coa efeméride, para as cales solicitarán subvencións por parte das institucións. De feito, esta semana mantiveron un primeiro encontro co secretario xeral de Emigración da Xunta, Manuel Lois Rodríguez González «o cal nos pareceu moi positivo pola boa acollida que dispensou ás iniciativas que queremos levar adiante ao longo deste ano, tanto aquí na comarca como en La Habana». Dentro dos actos conmemorativos do Centenario da Unión Barcalesa, José Manuel López Tuñas, avanzou que entre as actividades que se van realizar na comarca de Barcala «están encamiñados a difundir a labor de promoción educativa levada a cabo durante un século, mediante a creación das escolas de Covas, Seoane e Aro. Pensamos editar unha serie de publicacións para distribuír entre os veciños para que coñezan a importancia que tivo a labor da Unión Barcalesa». López Tuñas lembra que un emigrante xa falecido «díxonos que naquela época, a única universidade que había entre A Costa da Morte e Santiago, eran as escolas da Barcalesa para que vexas a mostra de que aquilo foi un auténtico revulsivo social».