?O alumnado valora hoxe máis a lingua que hai uns anos e moitas veces a normalidade que se comeza a ter nos centros de ensino non deixa ver os problemas para atinxir unha normalidade social no uso do galego», afirma Iolanda Rodríguez Aldrei, docente do colexio de Bembibre (Val do Dubra), que este ano coordinou os equipos de normalización lingüística da comarca. Recentemente asumiu o seu relevo Xosé Arca, do IES Rosalía. Ames, Oroso, Rois, Trazo, Teo e Touro tamén participan na entidade, aínda que o concello máis representado é o de Compostela con máis de dez centros. Xosé Arca indica que en xaneiro traballarán na organización dun novo certame de teatro intercentros, e que están á espera de coñecer as condicións da nova convocatoria de axudas de Educación «que, polo que nos anunciaron, vai favorecer proxectos de colaboración como o que temos na comarca de Compostela», indica. O concurso de narracións orais ou a nova edición da proba atlética Correlingua son outras iniciativas que dinamizarán o idioma nos centros os dous próximos trimestres, indican. Estes dous docentes coinciden no interese do teatro para favorecer usos do idioma e mellorar a competencia dos discentes. Na comarca tamén se observa un maior interese no profesorado para usar o galego nas materias en que así o obriga a lexislación autonómica, aínda que con moitos problemas e mestura co castelán nas aulas en moitos casos, afirman.