CRÍTICA DE ARTE | O |
22 jul 2006 . Actualizado a las 07:00 h.A MEDIDA que o espectador penetra no contido desta exposición dase conta que o tempo exhala os seus últimos alentos. A fotografía de Maribel Longueira foi notario do declive e incipiente final dun espazo, un barrio na Coruña con nome de animal exótico e cores vivas, O Papagaio. Mentres, Luisa Villalta percorreu cos seus poemas o Campo da Leña e o empedrado de «unha rúa arrebatada ao itinerario espido», e penetrou na vida das súas moradoras, dignificadas polas súas palabras. Cando fotógrafa e escritora sentían os últimos latexos do popular barrio chinés, aínda quedaban en pé portas e cortinas nas fiestras, obxectos esquecidos e pegadas apostadas en chans e paredes. Era o ano 2001. A poesía e a fotografía falan de vellas historias, perdidas na memoria da cidade, de «fechaduras vixiantes», «falsos amantes» e «fronteiras entre o revés da luz e o pleno día»... Luisa meteuse na pel das putas, «palabra que debería ser final e non comezo», e logrou comunicar emocións cos seus versos; Maribel, a través de imaxes insinuantes, sombras e luces, soubo plasmar a intensidade do silenzo no que aos poucos foi caendo O Papagaio; xa só o nome do barrio parece un paradoxo da condición humana. O final, tal e como se espera desde o principio, non pode ser outro: máquinas facendo ruínas das ruínas. A mostra é unha ocasión magnífica para deleitarse, paseniñamente, contemplando. Preséntase, ademais, cun libro da editorial Laiovento dividido en tres apartados que transcriben o paso ao esquecemento: Per amores, Tam en vao e E caeu. A poesía de Villalta non deixa de ser un canto á vida, á que habita nas beiras das grandes cidades. Unha nova e preciosa paradoxa, escrita pouco antes da morte da escritora. Ficha: «O papagaio, a pegada dos sentidos» | Fundación Torrente Ballester | Aberta a o vindeiro 26 de xullo.