«A perda de poboación e a xente vella son as nosas eivas»

l. p. | santiago

SANTIAGO

ÁLVARO BALLESTEROS

Eleccións 2007 | Xoán Manuel Baleato Iglesias O rexedor leva quince anos no cargo e aposta por poñer en marcha canto antes o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) como fórmula para desenvolver o concello

20 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

Do fútbol chegou á política. Xoán Manuel Baleato Iglesias -49 anos, casado, dous fillos- é alcalde de Val do Dubra desde 1991. Cociñeiro antes de frade, exerceu de secretario do Xulgado de Paz do seu concello durante quince anos. Defínese politicamente de centro-dereita e milita no PP, pero non sabe aínda se vai presentarse de novo. «Iso depende do que decida o partido», di. -¿Podería facer o seu balance de quince anos de xestión? -Unha xestión difícil. Intentouse mellorar todas as vías de comunicación e desenvolvéronse os tres núcleos máis importantes, que son Bembibre, Rial e Portomouro, con beirarrúas, alcantarillado e auga, que agora tratamos de estender a todas as parroquias. O obxectivo é que todo o concello teña os servizos dunha cidade. -O seu concello está so a quince minutos de Santiago... -É unha vantaxe para nós, pero temos eivas importantes: a perda de poboación e o seu crecente avellentamento. Pensamos que cunha política urbanística adecuada poderemos frear esta sangría demográfica. O noso obxectivo é desenvolver canto antes o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) cunha tipoloxía edificatoria baseada en vivendas unifamiliares. -¿Algunha vantaxe pertencer á Mancomunidade de Santiago? -Somos optimistas sobre o seu funcionamento. A Mancomunidade é algo moi importante para nós e básica para dispor de servizos en común, como agora o transporte urbano comarcal. Somos partidarios de potenciar a Mancomunidade, iso si, sempre con acordos acadados por unanimidade porque é a mellor maneira de funcionar conxuntamente. -¿Pensa presentarse ás próximas eleccións municipais? -Se o partido considera que debo facelo, fareino coas mesmas ilusións que sempre tiven, e fareino pensando en que é posible acadar de novo unha maioría absoluta. Certo que somos un concello rural, pero tamén é certo que temos todos os servizos que ten un concello urbano. O noso obxectivo baséase en seguir progresando.