O poder de atraer dos grandes

La Voz C. P. | SANTIAGO

SANTIAGO

ÁLVARO BALLESTEROS

Crónica | Os inicios da mostra «O retrato español» A exposición aberta na Fundación Caixa Galicia reúne 62 obras dos séculos XVI ao XVIII procedentes do Prado; en só cinco días, xa foron vela 4.500 persoas

14 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

Abriuse ao público o pasado venres e xa foron vela 4.500 persoas, 1.500 só entre o sábado e o domingo. Falamos da exposición O retrato español no Prado. Do Greco a Goya , que se pode ver na sede compostelá da Fundación Caixa Galicia ata o 14 de maio. Ten o aliciente de que é a primeira organizada polo Museo do Prado fóra da súa sede. A mostra leva camiño de converterse nun éxito semellante ao que colectou a dedicada á artista mexicana Frida Kahlo, que tamén viaxou a Galicia grazas ao patrocinio de Caixa Galicia. A procesión de visitantes non fai máis que empezar, porque se van repetir as colas que xa se formaron esta fin de semana. Se cadra, a xente agardando ten o efecto simpático (si, coma o do papel de calco así coñecido) de arrastrar a outra que, picada pola curiosidade, decide que non vai ser menos. Claro que é difícil non interesarse por esta oferta artística, non só pola profusión coa que se anuncia nos medios de comunicación e nas bandeiras colocadas en farois e outros elementos do mobiliario urbano, senón porque a Fundación Caixa Galicia traballa o tema cos centros educativos para promover visitas didácticas. Son precisamente os grupos de escolares e doutros colectivos organizados que solicitan unha visita guiada os que nutren as salas de visitantes de luns a venres. A xente que se despraza pola súa conta dende outros lugares de Galicia vén, sobre todo, as fin de semana, e o mesmo pasa cos composteláns da clase traballadora. Uns e outros deben lembrar que os sábados, domingos e festivos a exposición está aberta de maneira ininterrompida de 12.00 a 21.00 horas. De luns a venres está aberta de 12.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00. O problema non é de horarios, pero si de aglomeracións. Por razóns de seguridade non permiten visitas a tropel, e teñen regulado un máximo de 30 persoas por sala cando se trata de grupos concertados, e de 35 a 45 nos demais casos. As visitas guiadas están previstas dous días á semana para colectivos non escolares, e para os que se poidan formar con público en xeral que acude nos horarios previstos.