Un príncipe occidental

La Voz

SANTIAGO

22 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

O mecanismo polo que Hamlet chegou a ser entendida como centro do canon occidental pode ser longo e difuso a un tempo. Seguramente e, entre outras cousas, ten que ver o feito de estar escrito nunha lingua dominante e, non menos, ter unha polisemia tal que cada xeración consigue obter del unha nova explicación da condición humana, do ser e o estar. Esa condición de obra fundamental, imprescindible, orgánica, capaz de asumir todas as lecturas e seguir sobrevivindo como texto, acaba por ser unha reválida tan elementalmente exemprificada nesa pregunta que todo o mundo sabe e que é, outra volta, o centro da cultura humana: ser ou non. Shakespeare, non sei se intencionadamente, ofrece un pequeno reto no deselance da obra cando o príncipe, supersticioso e metódico a un tempo, ao advertir que o resto é silencio. Quizais é silencio todo o que chegue despois de Shakespeare ou quizais só suliñe que todo o importante quedou dito. En calquera caso, parece claro que a obra é tan importante polo que Shakespeare escribiu como por todo o que a cultura universal leva lido nela. Seguramente esta é a clave: qué somos capaces de ler nun texto de trama retorcida dunha intensísima retórica e cunha incrible potencia icónica. Hai quen é capaz de ver nos meandros dos personaxes unha historia resumida da psicoloxía humana individual e colectiva. Hai quen ergue algúns castelos inútiles para tapar a capacidade comunicativa do autor e hai quen non consigue profundizar nas sucesivas capas da obra. Seguramente a polisemia acumulada polo Hamlet obrigue aos directores a priorizar unha dirección, a escoller para o espectador cal das liñas que se entrecruzan na enrevesada trama debe ser focalizada. Este primeiro Hamlet galego focaliza no seu protagonista, interpretado por Luis Tosar, e tenta arrimar a Dinamarca metafórica de Shakespeare a ese país que agarda sen remisión a invasión da Wermacht. Pero fóra do lucimento de algún uniforme, non é esa a ambientación decisiva da tráxica historia de todos cantos rodearon a este protagonista da literatura universal. A obra dirixida por Lino Braxe asumiu un certo carácter inaugural no teatro do país, polo significativo da montaxe, polo amplo do reparto e mesmo pola importante presenza de capital privado na súa producción. Son, no fondo, circunstancias tan adxectivas como esa temporalidade bélica. Hamlet está porque Shakespeare resiste moitas chapisterías, pero hai demasiados adxectivos sen a compañía imprescindible dos sustantivos. Agora pode ser que o dilema pase ao patio de butacas, ir ou non: ser ou non ser espectador.