LA OPINIÓN DEL EXPERTO
28 ene 2006 . Actualizado a las 06:00 h.A instalación dun complexo cultural, deportivo e de ocio das características do sinalado contribuiría significativamente á consolidación de Compostela como capital galega e referencia do noroeste peninsular. Ademais do notable impacto directo na actividade económica da cidade e no seu nivel de emprego, resultarían beneficiados moitos dos sectores xa importantes para a cidade. Optimizaríase o uso da excelente capacidade turística da cidade, contribuíndo á desestacionalización do turismo e máis ao incremento da estadía media dos visitantes. A maior afluencia de visitantes, e sobre todo o maior tempo de estadía na cidade, contribuirían á súa vez á consolidación de Santiago como capital de compras da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Ao mesmo tempo, desenvolveríanse actividades auxiliares para o funcionamento do complexo, nas que xa Santiago amosa unha especialización clara, como é o caso dos servizos especializados ás empresas, que tamén suporían un incremento da actividade económica e do emprego. Loxicamente o maior ou menor impacto da instalación dun centro destas características viría determinado pola súa integración na cidade. Nese sentido, e de cara a maximizar os efectos positivos de carácter indirecto, é un factor clave a coherencia temática do parque coas características que están marcando e o desenvolvemento da cidade e que definen a Santiago como unha cidade de excelencia patrimonial, cultural, comercial e ambiental. Notable tamén sería a habilitación de comunicacións fluídas entre a área metroplitana e o complexo, que permitisen a súa plena integración nos circuitos urbanos culturais, deportivos, comerciais e de ocio. De cara a facilitar a súa instalación e a súa integración, dende o Concello podemos ofertar apoio técnico no deseño e na implantación do complexo a través do noso programa Compostela Invest e colaborar cos nosos programas de intermediación laboral para a selección do persoal.