En directo | Comezou en Compostela un curso de esgrima para actores
24 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.Que os actores e actrices aprendan esgrima non significa que vaian pelexar no escenario nin representar unha peza teatral barroca. É só unha ferramenta máis no duro camiño que teñen que percorrer na procura de recursos escénicos. E niso andan, aprendendo a manexar un florete e a moverse coa axilidade e precisión dos tiradores (que é como se lles chama aos que fan esgrima), oito profesionais da escena galega matriculados nun curso de iniciación á esgrima que imparte o mestre nesta disciplina escénica Carlos Vizcaíno (A Coruña, 1968), que coñece ben o oficio porque ademais de terse formado a fondo en esgrima, acrobacia e movemento escénico, desenvolveu unha carreira profesional como actor no Teatro de Cámara de Madrid e nunha chea de compañías galegas. Onte andaban torpes aprendendo as posicións básicas do corpo, os movimentos claves de pés e mans e a coller o florete. ¿Que sentido ten que saiban esgrima? Pois como se fose danza, pero sen música, porque é unha disciplina que lles ensina coordinación, disociación, control espacial e do propio corpo. Aprender expresión corporal non abonda, segundo Carlos Vizcaíno, porque é algo máis individual, e necesario, claro, fronte a un exercio de ritmo e xogo con outra persoa. Moverse en escena para interpretar con naturalidade calquera papel non é sinxelo. Vizcaíno xa tiña ensinado en Santiago a arte da loita con florete a actores, pero é a primera vez que o fai por encargo da Asociación de Actores, Directores e Técnicos de Escena de Galicia (AADTEG), que organiza este programa en colaboración co Igaem e a Fundación Artistas Intérpretes Sociedad de Gestión (Aisge).