O FIADEIRO | O |
15 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.SON SEMPRE ferramentas moi útiles para a aprendizaxe, para resolver dúbidas, para o uso diario do noso idioma. Acaba de ver a luz o Dicionario Castelán-Galego da Real Academia Galega, RAG, -que xa será centenaria no 2006-, do que son directores os filólogos, catedráticos e académicos Constantino García e Manuel González, mestre e discípulo. Traballando con eles, dez redactores e colaboradores. Aparece na colección Galicia viva, da RAG, e co patrocinio da Fundación Pedro Barrié de la Maza. «Trátase dun dicionario bilingüe adaptado á nova normativa da RAG. A partir do castelán, pon a disposición de todos os galegos 25.000 artigos lexicográficos dese idioma, cun tratamento completo e rigoroso», escribe na súa presentación Carmela Arias y Díaz de Rábago. «Os 25.000 artigos lexicográficos que compoñen esta obra que presentamos, ademais dunha ampla información semántica, gramatical e ata fonética, ofrece unha novidade subliñable como é a recollida das locucións e frases feitas máis comúns no noso idioma», infórmanos Xosé Ramón Barreiro Fernández, tamén no adro da obra. Xunto cos seus directores labrou neste novo Dicionario o Seminario de Lexicografía da RAG, dende a inicial letra «a» ata «zutano» (que en galego sería «fulano»), derradeira palabra desta recolleita alfabética. Ten case mil páxinas e resulta abondo manexable. E un detalle comarcal: a impresión deste Dicionario fíxose en Santa Comba. Eu non mercara un Dicionario Castelán-Galego dende aquel que editara Xerais no ano 1990, feito por un equipo coordinado por Gonzalo Navaza. Agora chégalle o relevo, con esta panca anovada. Oxalá que, coma todos os dicionarios, estea nas bibliotecas dos centros educativos e se utilice con mestría en moitos fogares e textos.