A PUNTA DO MOGARÓN CONCHA PINO | O |
05 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.PAGARÍA a pena que a tolerancia, esa actitude que tan a miúdo reclamamos dos demais, se practicara e se entendera como un exercicio necesario para a convivencia en todas as ordes e ámbitos sociais. Porque ser tolerante non implica compartir o que pensan ou fan os outros. Pódese discrepar abertamente e ser tolerantes. E ata se pode ser inflexible, esixente, estricto e rigoroso sen deixar de ser tolerante, comprensivo. O tabaquismo é unha desas situacións que está provocando intolerancia e incomprensión. E resulta especialmente duro cando se está a falar dunha adicción que non só foi consentida como un hábito socialmente ben visto ata non hai moito. Tamén foi estimulada, publicitada e favorecida polo Estado, que segue a xogar hipocritamente cos fumadores, condenándonos sen consideración e marxinándonos como apestados mentras recada impostos e se lava as mans como pilatos. A persecución á que nos someten as últimas normativas legais dalle pé a algunhas persoas a comportarse de forma inxusta cos fumadores. Non é fácil aceptar que persoas que actúan cunha suposta coherencia e presumen de conduta intachable esquezan o respecto que lle deben aos demais con comentarios inxustos, ademais de desafortunados. Pero se quen o fai e unha profesional sanitaria e diante dun paciente, é cousa de apelar á ética e á deontoloxía. Porque sei de quen lle lembrou a un paciente que o problema que tiña debíase ao tabaco «y en algunos países fuera de España no lo operarían por eso». Si, e pode que a profesional en cuestión non tivera traballo na sanidade pública, ou que diante de tamaño comentario a un paciente fose denunciada. Pero é cousa de exercitar a tolerancia. Así que haberá que pensar que a señora especialista sanitaria tiña mal día e non calibrou o que dicía, onde, nin en que momento. Se cadra, nunca tivo vicios confesables que deixar atrás.