O FIADEIRO | O |
10 sep 2005 . Actualizado a las 07:00 h.NAS COMUNICACIÓNS aéreas cumpre que non voemos atuñados. Dende hai un tempo, as administracións e compañías tentan ampliar a oferta de voos dende os aeroportos galegos. Trátase de conectar Lavacolla, Alvedro ou Peinador con destinos de España, Europa ou América, con prezos competitivos, e sen ter que facer escalas en Madrid ou Barcelona. Búscase que dende Galicia poidamos voar directamente coas mellores condicións, sen obrigarnos a ir coller avións por exemplo a Porto. Agora fálase de novas ofertas a Berlín ou Roma. Pero inda nos quedan moitos puntos importantes cos que mellorar estas viaxes. Poñamos o caso de Irlanda. Pola súa situación e proximidade, abondaría cun voo dunhas dúas horas, coma se fosemos a Canarias ou Gran Bretaña. Pero non. Neste verán comprobamos como as liñas eran Santiago-Madrid-Londres-Shannon; ou Santiago-Barcelona-Dublín. A viaxe levounos máis de doce horas, e o custo total superou os 600 euros; todo como se fose un destino caribeño ou asiático. Debería existir unha liña directa entre Galicia e algunha das cidades irlandesas. Agora que formamos parte do Arco Atlántico na Unión Europea; nun momento no que se fan estudos comparativos entre as economías e o modelo de desenvolvemento galego e irlandés; cando hai tanto que coñecer e compartir nas culturas dos dous pobos, precisamos conexións directas.