PUNTA DO MOGARÓN | O |
06 sep 2005 . Actualizado a las 07:00 h.ENTRE o que din e o que se entende, o que afirman e logo matizan, cando non desminten, os nosos gobernantes, non parece que o que vai ser mude moito do que temos. Refírome, por exemplo, aos concertos educativos cos colexios privados. Non é cousa de entrar a considerar se o que dixo o Presidente da Xunta foi un globo sonda ou se houbo quen entendeu o que non dixo e a intención nunca foi outra que a de revisar os acordos, porque sen dúbida moitos deles será necesario mantelos. O que lle preocupa a moitos pais é que na oferta pública de ensinanza non exista igualdade real. Hoxe non abonda con que os nosos fillos reciban unha formación regrada de calidade nos estrictos marcos da legalidade. Tamén se impoñen as actividades complementarias ou extraescolares, esas clases fóra de programa que deberían poder elixir todos os nenos e adolescentes, e que en ningún caso deberían ser a desculpa para que as familias elixan un centro concertado. Pode que os cartos dos concertos non cheguen, pero farían montón para contratar monitores que lles ensinaran aos nenos da escola pública e nese marco a parte lúdica de aprender, que o tempo de lecer tamén tivera espazo no colexio público de calquera pobo deste país.