Aposta

X. AMANCIO LIÑARES GIRAUT

SANTIAGO

O FIADEIRO | O |

13 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

RECOLLO un titular dun artigo de António Lobo Antunes: «Desculpádeme, pero vou falar de fútbol». Non son tifosso de ninguén, nin entendo das lerias futboleiras, mais tamén participei das celebracións do ascenso da S.D. Negreira a Segunda B, polo que ten de engaiolante na defensa da identidade e o progreso barcalés. Foron modestas manifestacións de euforia colectiva na vila. ¡A por eles, oeee...!, ¡A por eles, oeee! O soño realizado pola S.D. Negreira tivo moito que ver coa audaz decisión dos empresarios locais. No eido deportivo abondaba o excelente labor do equipo, corpo técnico, directiva, socios e afeccionados do club. Pero no plano económico -e vivimos nunha sociedade onde o diñeiro manda moito-, case nada sería posible sen a achega decidida destes empresarios. Interésame o aspecto sociolóxico: a aposta por Negreira e a nosa comarca. Isto debería ser un punto de partida e non de chegada, cos axentes económicos locais comprometidos no progreso barcalés. Tamén os concellos. Xa se teñen dado outras mostras. Lembramos, nun supor, aquelas campañas de axuda á Unión Barcalesa da Habana. E agardemos polas melloras na Cooperativa Feiraco, para que tamén poida retomar este e outros patrocinios sociais e culturais.