PUNTA DO MOGARÓN | O |
22 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.AS VÉSPERAS asimílanse ao xúbilo compartido que se vai celebrar ao día seguinte. Pode ser a festa do patrón ou algo particularmente importante na vida de alguén e, se cadra, de moitos seres que confluen nun espazo físico ou simplemente emocional. Por iso onte foron vésperas da sinatura dun acordo político que hoxe se rubrica no CGAC, e mañá volvemos estar de vésperas do Día da Patria, da festa do Apóstolo ou do Día de Galicia. Son vésperas e non só en Compostela, porque van repicar campás en aldeas e vilas de toda Galicia, emocionando e encollendo corazóns por mor dunha estraña sensación de que o son dos bronces esgaza algo máis que o silencio. No meu pobo son as bucinas dos barcos, porque as campás están afastadas do mar, as que bruan no ar saudando á Virxe do Carme, á santa, como lle chaman alí, cando vai camiño do peirao para embarcar un día ao ano, que nunca coincide co que fixa o calendario, e navegar pola ría. Son vésperas dun día calquera que teña sentido para alguén, dunha xornada con regusto a salitre ou a patio de aldea recollida, con bombas de palenque e misa cantada ou con manifestación cara á Quintana. Porque as vésperas son o preludio do que é certo que vai ser.