Aventuras

X. AMANCIO LIÑARES GIRAUT

SANTIAGO

O FIADEIRO | O |

09 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

É TEMPO de verán, con máis horas chungas de sol, mañás luminosas, tardes largacías, vacacións, novos espazos e tempos de lecer. Hai agora un ano, onde o Tambre pasa por embaixo da vella Ponte Maceira, Rubén Suárez Carballo e Andrés Villar Murillo -especialistas en deportes de risco e aventura-, presentábanlle ós medios o seu libro 40 aventuras al final del Camino (3C3 Editores, 2004). A paraxe elixida era marco idóneo para tal mester. Son 260 páxinas a toda cor, inzadas de fotos, planos e mapas. En castelán, porque os autores tamén queren dirixirse ós vagaceiros que veñen de fóra para coñecer Galicia. Andrés e Rubén descríbennos polo miúdo, con textos suxerentes, corenta posibilidades, diferentes e inéditas, de practicarmos diversos deportes de aventura na zona xeográfica da parte final do Camiño de Santiago. Aí aparece a escalada, o parapente, descenso de ríos en canoa, bicicleta, sendeirismo, puenting (¿deberiamos dicir pontismo?)... Son propostas aventureiras -segundo lemos en www.tresctres.com- que se desenvolven en 20 concellos dunha ampla área: de Ames a Camariñas, de Negreira a Boiro, de Santa Comba a Carnota, do Val do Dubra a Muxía, de Brión ó Porto do Son, de Vedra a Fisterra.