Unha lenda compostelá

La Voz

SANTIAGO

Anos de graza | O asasinato do bispo Suero Gómez A suposta rúa da Balconada non existiu nunca

02 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

A pasada semana deixamos ao rei Pedro en Compostela en 1366 facendo os preparos para trasladarse a Francia, en concreto a Baiona, que estaba en poder dos ingleses, en procura de apoio para a súa causa. Nos días de xuño que permaneceu entre nós non se limitou a outorgar títulos, tamén induciu a comisión dun horrible crime que, transformado máis tarde en lenda, aínda hoxe se conta na cidade. Nese tempo rexía a nosa sé o bispo don Suero Gómez de Toledo, quen, cos seus trinta anos de idade, foi o prelado máis novo dos que nos gobernaron. Cando o rei chegou a Santiago, don Suero saíu a cumprimentalo con douscentos homes a cabalo, retirándose despois a súa residencia no castelo da Rocha, tan de actualidade hoxe polas excavacións que se están a facer, mentres o monarca se aloxaba en San Martiño Pinario. Alí celebrou Consello con Fernando de Castro, Suero Yáñez de Parada, Mateo Fernández e Juan Diente, para tratar do xeito no que o De Castro ía frear aos moitos partidarios que don Enrique tiña en Galicia, incluíndo entre os sospeitosos ao propio bispo. Algúns falaban de prendelo, pero a maioría era parcial de eliminalo, decisión que se adoptou finalmente, encargándose de levala a efecto Fernan Pérez Churruchao e Gómez Gallinate. Para executar a encomenda citouse ao bispo o día vintenove despois da sesta. E alá que veu don Suero acompañado do deán Pedro Álvarez. Daquela non existía a praza do Obradoiro, senón que diante da catedral o que había eran hortas e casarellas que daban pousada aos peregrinos. Nunha delas agochouse o Churruchao e, cando apareceu o prelado, acoitelouno sen piedade, fazaña presenciada polo rei desde as torres da catedral. O deán logrou entrar na sé perseguido por Gallinato, que o matou diante do altar maior. Os asasinos fuxiron cara Ponte Ulla entre o clamor de protesta dos veciños, mentres os coengos daban sepultura ao pobre bispo no claustro novo. O Churruchao foi excomulgado pola Igrexa. Estes feitos encenderon de tal forma a imaxinación popular que deron pé á famosa lenda do crime da Balconada. Esta fala dun nobre mancebo que acudiu ao rei reclamando xustiza para seu pai que levaba vinte anos na cadea pola crueldade dun bispo namorado da súa irmá, sendo a real resposta: mátao onde o atopes. O día de san Pedro atopouno na rúa da Balconada, matándoo e fuxindo a continuación. A cidade foi posta en entredito, pechándose as igrexas, de modo que a xente tiña que ir ata o convento de Conxo para cumprir coas súas devocións. O apartado do lugar e as horas que perdían no ir e vir deu pé ao dito «Vaiche na misa en Conxo», que ata hai pouco empregaban os picheleiros para referirse á perda de tempo. Outra lenda refire que, saíndo a procesión de Corpus da rúa da Balconada cara a rúa Nova e portando o arcebispo o Santísimo, foi asasinado o monseñor por un nobre, resumíndose o conto na copla: ¡Adiós rúa Nueva hermosa,/calle de la Balconada,/mataron a un arzobispo/ y fue por una madama! En 1848, o inefable fabulador Neira de Mosquera publicou unha novela chamada La Marquesa de Camba , na que esta nobre, vestida de home, era a autora do crime. En 1875 estrenouse no Teatro Novedades de Madrid un dramón titulado La Balconada , orixinal de Daniel Baliart, que non ingresou no Parnaso das Letras. Resulta cando menos curioso a querencia por parte dos composteláns en dúas falsidades. A tal rúa da Balconada, pechada desde que se cometeu o crime, non existiu nunca. Tampouco o bispo portaba ningunha custodia, os feitos aconteceron o día de san Pedro e, ese ano, o Corpus caeu o catro de xuño. Non importa, seguiremos pasmando aos visitantes coa lenda da Balconada e a morte dun bispo por culpa dunha madama.