Raíña por un día

La Voz

SANTIAGO

XOÁN A. SOLER

Anos de graza Pedro I casou con Xoana a Fermosa en 1354 e abandonouna ao día seguinte

25 jun 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

O Venres Santo de 1350, morre aos 38 anos o rei Alfonso XI de Castela mentres puña cerco a Xibraltar. Se a morte carece do don da oportunidade, foi esta unha das veces que estivo máis desacertada polas consecuencias nefandas que ía traer o falecemento. Casado coa princesa portuguesa María, nai do herdeiro Pedro I, o grande amor da súa vida foi Leonor de Guzmán, a Favorita que séculos máis tarde inspiraría a Donizetti a senlleira ópera, coa que tivo varios fillos, entre eles Henrique que lle disputaría o trono ao seu irmanastro. A peste negra veu de Oriente traída por mariñeiros xenoveses en 1348, estendeuse axiña por toda Europa. Chega ao Peñón, pero o Rei négase a levantar o sitio a pesar das súplicas de Leonor, que o acompaña mentres dona María permanece á espera co seu fillo de quince anos no Alcázar sevillano. O corpo de Alfonso foi enterrado na catedral hispalense e entronízase un novo rei, Pedro I. Pero en agosto vese atacado pola peste e empezan as cábalas sobre quen recaerá a coroa. Cando a sorte xa estaba botada, o 25 de agosto remite milagreiramente a febre. Son moitos os que sinalan como secuela o desequilibrio mental que padeceu toda a vida valéndolle o alcume de Cruel. A súa breve vida vai estar marcada por dúas características: a loita contra o seu irmanastro Henrique de Trastámara e o desaforado amor polas mulleres, pero, ao igual que o seu pai, foi quen de atopar unha favorita, María de Padilla, moi fermosa, de bo entendemento e pequena de corpo, o que non lle impediu que casara dúas veces, a primeira coa francesa Branca de Borbón, case unha nena que só coñeceu dúas noites o tálamo nupcial, para ser desterrada de castelo en castelo ata morrer por mandato real. Paixón desmedida foi a que sentiu por María Coronel, filla do Alguacil Maior de Sevilla e casada con Juan de la Cerda, ambos decapitados por sublevarse contra don Pedro. Perdidos parentes e fortuna, refúxiase no convento das franciscanas clarisas. Ata alí a persegue o rei por claustros e estancias, atopándoa na cociña. Por salvar a súa honra, María non dubida en botarse pola cara o aceite que fervía nunha tixola. O seu corpo incorrupto, gardado no mosteiro de Santa Inés, pode contemplarse cada 2 de decembro. Non debeu ser doada a infancia real, vendo como os seus irmanastros gozaban de moitos privilexios. A situación agravouse cando a raíña María fixo prender e matar a Leonor de Guzmán, empezando unha loita fraticida polo trono que só vai rematar coa morte de Pedro. Un persoeiro principal nese episodio foi Fernando de Castro, perdigueiro maior de Santiago a quen don Pedro nomeou Mordomo Maior, o que non foi obstáculo para que se unise á conxura dos bastardos na cidade de Toro. Desbaratados eses planos polo rei, Fernando de Castro volveu ao rego. O home tiña unha irmá, Xoana a Fermosa, viúva de Diego López de Haro. Aínda casado con dona Branca, o monarca encaprichouse da galega, casando con ela en Cuellar en 1354 para abandonala ao día seguinte. Inda ben que tivo mellor sorte que a anterior consorte, pois don Pedro regaloulle a vila de Dueñas na que viviu moitos anos. Morreu o 21 de agosto de 1374 e foi sepultada na Capela Real da catedral compostelá. No bordo da lápida do sepulcro lese: aquí iaz doña Ioana de Castro Reina de Castela. A crueldade de Pedro fixo que fora perdendo adeptos que se pasan ao bastardo. Ante a situación decide embarcar na Coruña para acobillarse en Francia. Por facer os preparos veu a Compostela o 24 de xuño de 1366, expedindo a favor de Fernando de Castro, o seu Alférez Maior, o título de Conde de Trastámara, de Lemos e Sarria.