O festival reafírmase coa décima edición, que terá lugar do 24 ao 26 O programa, que organiza oTeatro Galán, ofrece dez coreografías e cinco solos en 23 funcións
13 jun 2005 . Actualizado a las 07:00 h.O Festival Internacional de Danza para Paseantes en Compostela En Pé de Pedra volve coa décima edición na última fin de semana deste mes. O Teatro Galán, promotor e organizador deste evento dende os seus inicios, artellou un dos carteis máis amplos da historia do festival, con dez propostas de compañía e dous programas especiais. A inauguración deste encontro coa danza nas prazas e parques protagonízana Cesc Gelabert e María Muñoz, bailaríns e coreógrafos que se reúnen para estrear na praza de San Martiño Pinario, o día 24 ás 17 horas, Cantos , obra creada por ambos artistas por encargo do festival, que volverán ofrecer o día 25 á mesma hora na mesma praza. María Muñoz fai doblete, porque tamén actúa o 26 ás 17 horas no parque de Bonaval, coa peza Bach , producida pola súa compañía, Mal Pelo, que creou con Pep Ramis no 95. Outra das estreas será Tierra batida , coprodución catalanofrancesa da Compañía Pendiente e dirección de Ana Eulate. Os paseantes poderán ver este espectáculo no Paseo de Bóveda da Alameda, o 24 e 25 ás 19 horas. A compañía catalana Mudanzas participa con En su lugar , unha improvisación de Ángels Margarit que se poderá ver na terraza do CGAC ás 22 horas do venres 24. Do Xapón chegan para estrear os compoñentes de Hisako Horikawa, que o sábado ás doce da noite sorprenderán ao público en Praterías coa montaxe KOE/Voice , e o dómingo ás 20 horas no Parque da Música coa peza Maru 05426 . Natalia Medina vén de Las Palmas para ofrecer Papas y noes , unha montaxe que se verá na casiña que hai no parque de Bonaval o día 24 ás 23 horas, e o sábado ás 22 horas. De Barcelona e Vitoria-Gasteiz proceden Jordi Cortés e Damián Muñoz coa creación Ölelés , premio Citat de Barcelona 2004, que presentarán no espazo da Ferretería CV Otero con senllas actuacións o 24 ás doce da noite, o 25 (23 horas) e o 26 (22 horas). A coreógrafa checa Vera Ondrasikova, que se presenta con Aigues Mortes o sábado ás 20 horas nos xardíns de San Roque, é outra novidade en Galicia da man deste festival. A Facultade de Ciencias da Comunicación acollerá un dos programas especiais. Trátase dunha coreografía encargada polo festival a Juschka Weigel (Berlín) para ser vista como se fose unha exposición o 24 e o 26 de 20.30 a 21.30 horas. Tamen é especial o programa da clausura, con cinco solos consecutivos interpretados por Fernando Lima, Matxalen Bilbao, Javier Fernández, Blanca Arrieta e Rafa Linares. En Pé de Pedra está patrocinado polo Igaem, Concellaría de Cultura de Santiago e polo CGAC, e coa colaboración dunha ducia de entidades públicas e privadas.