O FIADEIRO | O |
21 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.LAMENTO NON poder ter asistido en Compostela ó Simposio Couceiro Freijomil, organizado pola Consellería de Cultura. O horario lectivo e as urxencias do curso académico non permiten ubicuidades, nin a presenza activa en todos os eventos que a un lle interesan, inda estando ó tanto das convocatorias e invitacións diversas e suxestivas. Outra vez será. Nese 13 de maio, varios relatores falaron polo miúdo do polígrafo Antonio Couceiro Freijomil (Pontedeume, 1888-Santiago, 1955), no cincuentenario da súa morte. Este pedagogo, filólogo, xornalista, poeta... membro do Seminario de Estudos Galegos dende 1928 e académico da RAG dende 1941, deixounos unha obra prolífica, merecente de ser homenaxeada dedicándolle en calquera ano as honras do 17 de maio. Ós que gustamos de remexer nas letras sempre nos resultaron de utilidade os tres volumes do seu monumental Diccionario bio-bibliográfico de escritores gallegos , publicado en Compostela entre 1951 e 1953. Foi unha catalogación de vidas e obras ás que seguiron outras que beberon moito nas súas fontes informativas. Seguro que se aludiu moito e ben a este Dicionario nese Simposio. E ás súas achegas histórico-literarias. Agardaremos polas Actas desa útil xornada.