A lamprea do Ulla escasea

Uxía López Rodríguez
Uxía López PADRÓN

SANTIAGO

M.S.

A menos dun mes do remate da temporada de pesca o balance é pobre en Padrón A maior parte das capturas son vendidas aos restaurantes

06 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

A pesca da lamprea no Ulla ao seu paso por Padrón afronta o último mes de temporada nos tramos do río nos que aínda están permitidas as capturas, unha vez que as pesqueiras nas que é necesario empregar barca xa están vedadas. En Herbón, a zona coñecida como O Canal aínda está aberta e onte o veciño Severino López Vidal, apodado O Bicho, relataba a penuria desta campaña. A alarmante escasez de choiva fixo que o río rexistre niveis de auga moi pobres e, por tanto, nada propicios para a pesca da lamprea. Ata a xornada de onte, O Bicho, que vai cumprir 41 anos e leva adicado a esta actividade dende case os 13, di que colleu nove exemplares, aos que hai que sumar os dous capturados onte á mañá. «Cousa rara», di medio en broma este lampreeiro, que estivo acompañado nesta ocasión polo encargado xeral da conca do río Ulla, Jorge Padín, e por esta redactora. Ante as redes baleiras, Severino López non pode deixar de lembrar outros tempos mellores e non tan lonxanos, de modo que se remonta a campaña de hai tres anos cando nunha xornada, de oito da tarde a oito da mañá, colleu ata un cento de lampreas. «Iso sí que era unha chea», di. E tempos máis atrás aínda, non era raro ata atopar 150 exemplares nunha mesma pesqueira. Pero, como di O Bicho, eran outros tempos. Chega de Francia A temporada comezou na zona de O Canal o 10 de febreiro e agora, a menos dun mes de que acabe, o 30 de abril, o balance non é moi bó pola falla de choivas e de crecidas do río aínda que este veciño de Herbón cré que a lamprea xa pasou de Herbón para arriba cara a zona de Carcacía e que o fixo na fin de semana da Pascua, con aquela choiva que caeu. De feito, parece ser que é na zona de Carcacía onde máis lamprea se está a capturar e O Bicho fala de entre 30 e 40 pezas por xornada. A maioría dela queda xa entre os restaurantes da zona de modo que xa non chega ós mercados pero, en calquera caso, o prezo é baixo a estas alturas da campaña. Severino López fala de entre 20 e 30 euros por peza aínda que recoñece que a este último prezo vendeu poucas lampreas. Non obstante, este peixe non faltou nos mercados da comarca aínda que todo o mundo sabe que boa parte del, din que o 50%, procede de fóra, concretamente de Francia. Asimesmo, outros apuntan a que aínda había moita lamprea almacenada nos conxeladores despois de que o ano pasado a campaña fose mellorando conforme tanscurrían os días e, sobre todo, ao remate da mesma producíronse un bo número de capturas. O Bicho baixará hoxe de novo ao río, antes das oito da mañá, na súa moto e calzado con pantuflas, para despois voltar antes das oito da tarde para bota-las redes de novo, a ver se hai máis sorte neste días que restan de campaña.