O FIADEIRO | O |
19 mar 2005 . Actualizado a las 06:00 h.CANTIGA para JA, de Jean-Pierre Sarrazac e Christina Mirjol -na tradución de Manuel Guede-, Os cárceres do esquezo, de Imma António e Hai que confiar na esperanza, de Siro López. Nomes dos tres últimos títulos que nos chegaron da colección Os libros do Centro Dramático Galego, editados por Xerais. Fan os números 39, 40 e 41, os tres do 2004. Oxalá que estas e outras obras tamén poidamos velas vivas nos cadros do CDG ou dalgúns dos variados e bos grupos de teatro afeccionado ou profesional que poboan os escenarios galegos. Do 2004 son tamén outros libros que recollen as montaxes do noso Centro Dramático nese ano. As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, de Carlos Casares, é o número 33 desa serie. E amais recibimos a coidada edición conmemorativa dos vinte anos do CDG (1984-2004). Boas iniciativas editoriais, que deben acompañar o labor teimudo desta institución, creada para o estudo, o coidado e a difusión do xénero teatral; para gozarmos das representacións, sentíndoas como espectadores nas butacas, combinando tradición e innovación, con calidade. Parabéns ás pezas en formato libro. E que nas salas cimbre a cotío, con forza cultural e creativa, o espectáculo.