Cabalos

X. AMANCIO LIÑARES GIRAUT

SANTIAGO

O FIADEIRO | O |

20 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

COMPROBEI que varias persoas pouco afeitas á lectura de libros, si que pasaron as follas de Galicia. El caballo y sus fiestas. Curros y Rapas cun certo aquel reverencial, prestándolle atención e interese. Porque o mundo dos cabalos posúe bastante de sedución e as imaxes desta obra, editada na Coruña por Octo Europa no 2004, reflicten con bravura e beleza os eventos que na nosa terra teñen como protagonistas ós cabalos, nomeadamente os curros e as rapas. É unha guía coidada. Non hai neste libro competicións hípicas, «arte del rejoneo», nin desfiles de gala, tamén elegantes. A forza e fermosura das bestas, dos cabalos -animais cunha estética tan linda e salvaxe- plásmanse nas fotografías de M. Liñares e R. Caetano, nun bo traballo de campo, percorrendo as festas equinas que se celebran polo país adiante. Os textos son da autoría de Omayra Lista, Raquel G. Amarelle, Mar Díaz e Eva Moreda. E o cóctel de fotos e textos logrou este resultado sobresaínte. Na capital barcalesa formouse hai pouco a Asociación Cabaleiros de Negreira, que preside Xosé Antonio Romarís, cuns corenta asociados. Eles e, en xeral, os amigos da equitación, teñen aquí un gran libro para abriren unha biblioteca cabalar.