ANOS DE GRAZA
29 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.A PASADA SEMANA falaba aquí dos estudantes e as súas saídas nocturnas pero, vista a friaxe que se nos veu enriba, poucos foron os que se atreveron a andar á xaneira. Eu téñovos o corpiño encollido. Remata ao fin o mes e entramos no Antroido como quen dí, non sen antes celebrar dúas festividades moi compostelás. O día dous de febreiro a Igrexa celebra a presentación de Xesús no Templo e a Purificación da Virxe; é a festa das candeas, que podedes mercar na cerería da Rúa Nova. As que foron nais no ano anterior, aproveitan para levar os fillos á igrexa mantendo as candeas acesas durante a misa. Pero, aínda que non sexa ese o caso, non deixedes de acudir á tardiña á catedral para participar nunha preciosa cerimonia. Entrade por Praterías e, despois de saudarme, apañade as candeas que están colocadas nunha mesa ao lado da sacristía. Con elas prendidas, situádevos na nave central. Desde o Pórtico da Gloria veredes aparecer ao señor bispo e os coengos, que veñen cantando a antífona Lumen ad revelationem géntium¿encanto vós alumeades a procesión. Logo podedes seguir a misa. Estou segura que moitos, cando vos paredes a falar comigo á saída, habédesme agradecer a invitación. O día tres, como tódolos anos, moitos serán os Santiagueses que se acheguen á fermosa igrexa do Sar para rezar a San Brais, santo avogoso contra os males da gorxa e pescozo, os oídos e a dor de moas. A súa sona débese a que lle sacou a un neno unha espiña que tiña cravada na garganta. Bispo de Armenia no século IV, morreu mártir durante a persecución de Diocleciano. Entre outros gremios, nalgúns lugares é patrón dos panadeiros, non sei se ese é o motivo de que se repartan uns boliños de pan entre os fieis que acuden a rezarlle tanto na colexiata como na igrexa das Ánimas. Se o tempo está bo e tedes vagar, aconséllovos o paseo ata as ribas do Sar para deleitarvos máis unha vez co fermoso templo, mentre papades unhas rosquillas. Corría o ano 1134 cando o coengo Munio Afonso, un dos autores da Historia Compostelana e daquela bispo de Mondoñedo, farto dos abusos dos señores da zona, decidiu regresar á nosa cidade e mercar unha herdade tranquila na que retirarse a rezar, xunto con outros santos varóns, baixo a regra de San Agostiño. Morreu o vinteseis de xuño de 1136 coas obras da igrexa moi adiantadas, encomendándollas a Xelmírez, quen levou a cabo a consagración o un de setembro do mesmo ano, coa asistencia dos bispos de Braga e León. Don Diego dotouna como parroquia sinalándolle por territorio propio o comprendido desde a Vía Francorum (Rúa de San Pedro) á Vía pro ad Velegiam , na estrada de Pontevea. Moitos foron os coengos que alí se retiraron, conservando os seus privilexios. Co paso dos séculos mudaron os coengos por clérigos pasando a ser Colexiata en 1548 e parroquial desde 1867. A fábrica de tres naves con outras tantas absidas, tivo desde o principio defectos de construción o que, unido ao pantanoso terreno onde se asenta, motivou a súa inclinación característica e as diferentes restauracións levadas a cabo ao longo do tempo. En 1500 abríronse as naves, polo que se cubriu a bóveda. En 1732 foi de novo soficada e reedificada. Os muros laterias exteriores aparecen hoxe apoiados en contrafortes reforzados no século XVIII polos arbotantes que a caracterizan. No ano 1895 foi declarada Monumento Nacional. Moitas e interesantes son as laudas e sepulcros con xacente. O máis antigo, sito no interior da igrexa e adosado ao muro sur, corresponde ao bispo Bernardo II, que mudou a mitra polo retiro e morreu no Sar en 1240. Cando no ano 1711 se abriu a sepultura, tanto o corpo como as vestiduras estaban incorruptas.