O TINTEIRO
20 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.COMO ERA de esperar, a nómina de empresas prexudicadas pola falta de solo industrial en Santiago non se reduce a Urovesa e Castrosúa: a situación que atravesa Espina evidencia que estamos ante un problema moito maior, que afecta a todo o eixo atlántico, que moitos advertiron hai xa tempo e que puido evitarse: Vigo está a perder inversións millonarias da industria auxiliar do automóbil por falta de metros cadrados e Compostela non pode permitirse a licencia de que o pouco tecido industrial que ten perda competitividade polo mesmo problema. O Plan de Dinamización, aprobado trala catástrofe do Prestige , pretende dotar de máis solo empresarial ao eixo atlántico e correxir, dalgún xeito, unha política industrial previa carente de moito sentido, coa que se facían polígonos onde non había empresas a cambio de catro ou cinco votos.