«O jazz gusta porque se transmite de ti a ti»

La Voz N. M. | SANTIAGO

SANTIAGO

En dous minutos | Roberto Somoza SAXOFONISTA QUE TOCA ESTA NOITE NO TEATRO PRINCIPAL O músico galego protagoniza no escenario do Teatro Principal a última sesión do Festival Internacional de Jazz de Compostela

02 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

?ai quen di que Roberto Somoza é o saxofonista galego por excelencia. E por algo será. O certo é que non son poucos os artistas que queren que o aire dos saxos das súas gravacións saia dos pulmóns de Roberto. Pero, sobre todo, Somoza ten vocación de jazzman. Esta noite será no Principal un dos vértices do triángulo que completan Alfonso Morán (contrabaixo) e Andrés Rivas (batería). -Leo no seu currículo que saiu vostede dos Satélites de A Coruña ¿As orquestras populares son un viveiro de músicos de todo tipo? -Si, sobre todo antes. Hoxe é máis complicado porque todo está máis especializado, influenciado pola televisión. Hai anos, nunha orquestra podías tocar, prácticamente, a música que querías; agora o repertorio está máis limitado e os músicos tamén. Pero aínda seguen a saír moi bos profesionais. -¿O jazz gaña adeptos? -Cada vez máis. O público en Galicia multiplicouse por tres e a cantidade de músicos tamén foi crecendo de xeito espectacular. O jazz gusta porque é unha música que se transmite de ti a ti, nos clubes. En Santiago proliferaron os clubes de jazz e a xente que vai por primeira vez repite. -Non imaxino unha sesión de jazz á tarde, e menos ás once da mañán, vostedes precisan noite, como os morcegos... -Nunca toquei pola tarde. O jazz está asociado á noite, a un xeito de vida tamén dos propios músicos. A música que tocas inflúe no xeito que tes de ver a vida, é unha actitude. -¿E que pensa da xente que pensa que é unha música para tipos raros? -Que non saben o que din. Seguramente será descoñecemento. Teatro Principal. Ás 21.00 horas.