Escolantes oitentóns

| ALDONZA |

SANTIAGO

ANOS DE GRAZA

16 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

TAL DÍA como o luns 18 de outubro cúmprense oitenta anos desde a apertura, en 1924, dos locais composteláns da Escola Cristiá da Inmaculada Concepción, a cargo dos Hermanos membros da Congregación relixiosa católica fundada na cidade francesa de Reims en 1680 por San Xoán Bautista de La Salle. A fundación, que tiña a  finalidade de ensinar a nenos pobres, estaba especializada nos estudos primarios, profesionais e técnicos, algo do que careciamos en Santiago xa que, mentres as nenas contaban para a súa formación co colexio das Orfas, obra do Arcebispo Sanclemente ou mesmo a Ensinanza, os rapaces só podían acudir á Escola de Artes e Oficios ou a algunhas aulas impartidas pola Sociedade de Amigos del País. Pola contra, nos novos locais os alumnos dividían o seu tempo entre a dedicacación ó ensino e a asistencia a obradoiros ou fábricas. A iniciativa de traer á nosa cidade tan pía institución debeuse á xenerosidade de dona Concepción García Blanco, que no seu testamento deixou un legado para ese fin e que contou co apoio do resto da familia, en especial do seu irmán Manuel. Ainda sendo de estirpe rioxana, os García Blanco mostráronse sempre moi xenerosos con esta terra que os acolleu. O lugar escollido para o emprazamento da escola foi o Campo de Pitelos e parte da horta propiedade da antiga casa da Inquisición, levantada en 1729 por Casas Novoa -autor da fachada barroca do Obradorio- e derrubada en 1913, que ocupara o resío onde hoxe se ubica o Hotel Compostela, abranxendo unha extensión de tres mil metros.  O edificio de cantería do actual Colexio La salle débese ó mestre de obras Arturo Rubial. Diversas son as súas dependencias, ademais das específicas para aulas e oficinas, conta coas habitacións dos Hermanos, xardíns e patios para solaz nos momentos de recreo dos nenos. A capela, de estilo renacentista, débese a don Rafael de la Torre Mirón, artista moi de moda nos anos vinte, pois lembraredes que foi asimismo autor da nova capela das Reliquias na catedral. Con el colaborou o pintor Martín Marqués. Brillantísima resultou a inauguración, con asistencia das principais autoridades presididas polo arcebispo don Manuel Lago, que ese mesmo ano foi nomeado membro do Seminario de Estudos Galegos, ocasión que se inmortalizou nun folleto titulado Ó noso señor o arcebispo de Sant-Iago don Manuel Lago González. Este eclesiástico foi tamén home de letras, autor de libros religiosos, colaborador en xornais e poeta en galego. Na ocasión que falamos ía  acompañado dos coengos Portela Pazos e González Vila.  Unha vez trasladado o Santísimo da non moi distante igrexa do Sar, oficiouse solemne misa na que interveu a capela da catedral. Ó fin da mesma pronunciaron sendos discursos o alcalde DíazVarela e don Manuel García Blanco, en representación da  familia. En 1953, La Salle estrenou un novo edificio perto de San Roque. Os estudantes matriculados na Universidade polos anos 70, lembrarán que, no salón de actos de La Salle viron teatro independente, filmes de Bardem (sobre a matanza dos avogados de Atocha) ou sobre Allende, concertos de María del Mar Bonet¿ Ese salón era escenario de múltiples manifestacións de cultura alternativa, oposta ás angosturas da oficialidade. Ogano, continúan as labores docentes nese Colexio, naturalmente baixo conceptos pedagóxicos do presente (educación mixta, por caso) completando un ricaz percorrido histórico que empezou na belle époque. Aldonzadepraterias@yahoo.es