Galego con acento de Finlandia

La Voz C. P. | SANTIAGO

SANTIAGO

XOÁN A. SOLER

El cronómetro | Os estranxeiros aprenden o idioma do país O presidente da RAG animou aos 123 alumnos a pasalo ben «para lembrar sempre este mes»

06 jul 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

Proceden de vintesete países e falan un galego perfecto. Só os traizoa o acento, un toniño que revela a orixe foránea dos 123 estudantes matriculados este ano no curso de verán de lingua e cultura galegas para estranxeiros que, por dezasete ano consecutivo, se celebra na Universidade de Santiago, organizado pola Consellería de Educación en coordinación co Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega. Chegados do veciño Portugal, como Joana Oliveira, una moza de Braga que estuda Relacións Internacionais; de Finlandia, caso de Pekka Posío, a punto de rematar en Helsinki a carreira de Románicas; de Alemaña, Chile, Estonia e ata do Xapón, estes mozos, que en todos os casos estudan galego nas súas universidades de orixe, déronse onte cita no Paraninfo de Historia para escoitar, no acto oficial de apertura, discursos mil veces repetidos. O do presidente da Real Academia, Xosé Ramón Barreiro, foi o máis poético e lúdico, porque despois de dicirlles que lle fan percatarse de que «somos poucos, pero estamos vivos», engadiu que aquí «ata os paxariños cantan e pían dunha maneira distinta», e que a mellor maneira de coñecer a nosa cultura é «bebendo o noso viño e comendo o noso pan». Así que os convidou ao estudo e a pasalo o mellor posible para que sempre lembren esta estadía en Compostela. Celso Currás contaxiouse das palabras de Barreiro, así que decidiu rematar o seu discuro político cunha broma cómplice: «Autorízoos non só a facer visitas culturais, senón a ir ás discotecas». Por estes cursos pasaron xa 1.634 alumnos. E moitos volveron para quedar un tempo, facer teses e a traballar.