ANOS DE GRAZA
05 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.DESDE HAI un tempo, os cóengos metéronse en obras para reabrir espazos da catedral que permanecían ocultos ó público en xeral e ós composteláns en particular. Dentro de poucos días poderase pasear polas cubertas pétreas que teitan o edificio, acceso ata agora restrinxido a uns poucos privilexiados, permitíndolle contemplar unha perspectiva marabillosa de Santiago. Quizais máis de un, empoleirado tan alto, recupere o orgullo de sentirse veciño e parte da cidade, sentimento que, polo que levo visto, está bastante de capa caída. O único que me preocupa da excursión é que a Cruz dos Farrapos, onde os peregrinos deixaban as cotrosas vestimentas usadas no Camiño, acabe convertida nun contedor de lixo. Outra feliz iniciativa foi a reapertura da porta dos Abades, que pon ó descuberto ó que puido ser e non foi, o proxecto do bispo Xoán Arias de facer unha cabeceira gótica, superposta á románica, co mesmo número de capelas pero máis espaciosa. A primeira pedra colocouse o 15 de maio de 1258 e os traballos continuaron ata 1266, ano no que morre o bispo. Como daquela a igrexa, o claustro e o dormitorio do mosteiro de San Paio de Antealtares ocupaban a maioría do espazo do que hoxe é a praza da Quintana, o 13 de xullo de 1256 asinouse unha corcordia entre o cabido e o abade Pedro na que se permutan esas dependencias monásticas pola antiga canónica onde estaban o refertorio e os cuartos dos coengos. Así se arredan as dúas comunidades e evitan andar os uns pasando polos apousentos dos outros por estaren os dous edificios tan apegados. Unha vez conseguido o solar, empezan as obras. Para que vos fagades unha idea da súa magnitude, sabede que agora só se pode aprezar unha parte, pois esténdense por baixo das escalinatas da praza, onde está soterrado un macizo tropezoidal que contén un corredor de acceso a unha escada de caracol e zócalos con columnas, restos descubertos no ano 1963, cando se renovou o pavimento da parte alta da Quintana. O modelo a seguir foron catedrais francesas e a de León, que se estaba construíndo por esas datas. Foi este Xoán Arias un bispo innovador tanto no aspecto construtivo como no réxime interno do cabido. Baixo o seu mandato mudou a composición da canónica, rebaixando o número de cóengos, repartindo atribucións, potenciando os estudios cunha especie de bolsa, que lles permitía seguir recibindo os frutos da prebenda mentres estudiaban. Ademais do proxecto catedralicio rematou o chamado Pazo de Xelmírez, no que destaca o salón superior, un rectángulo de trinta e tres metros de longo por oito e medio de ancho, dividido en seis tramos, destinado a ofrecer banquetes ós reis e personaxes de alto copete que nos visitaban. Nas trece ménsulas represéntanse escenas de celebracións palatinas: personaxes sentados á mesa lavando as mans; criados ofrecendo sopa e pan; un rei e unha raíña tocando instrumentos ou comendo mentres, ó seu carón, un lector le un libro e un soldado fai bailar un oso; comensais rillando empanadas. En fin, unha festa rachada como a vivida no décimo aniversario da Troita Armada, única sociedade gastronómica compostelana. En vista da devaluación da tarta de Santiago, patente para calquera que pasee o casco antigo, hai que felicitarse porque aínda existan agrupacións tan beneméritas e desexarlle mil primaveras máis de bo xantar.