Reportaxe | O centro de arte compostelá monta unha obra de Penone O público está convidado a esfollar loureiro para encher 80 caixas de rede metálica
05 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.Se pasan polo CGAC nestes días sorprenderanse polo estupendo arrecendo. Ule a marisco, e non porque na cociña da cafetería esteñan cocendo mexilóns ou nécoras. Non, a razón é puramente artística. O que enche de aroma o centro de arte compostelá é o humilde loureiro. Na pranta baixa están esfollando loureiro, centos de ponlas ata xuntar os seis metros cúbicos que fan falta para encher oitenta caixas de tea metálica. As mesmas que hai cinco anos se expuxeron, cubrindo as paredes dunha sala do CGAC, cheas doutros tantos milleiros de follas verdes de loureiros do país. Era unha creación do artista italiano Giuseppe Penone para a retrospectiva que lle dedicou o centro en 1999. A peza, Respirar a sombra, forma parte da colección do CGAC, que decidiu montala de novo para a exposición dos seus fondos que vai abrir o 13 de xuño. Pero o que mercou é, como en tantos outros casos, a idea, o concepto dunha obra efémera, que se volve facer e desfacer cantas veces se queira ou, coma neste caso, ata que o seu ciclo remata, cando as follas verdes se tornan marelas, castañas, desfanse de secas e levan camiño de apodrecer. Daquela instalación só quedaron os enreixados de aramio. Agora só é cuestión de enchelos e colocalos como o fixera Penone, un dos máximos representantes do movimento Povera que naceu en Italia nos anos 60 como reacción ao Pop Art americano. A diferencia é que agora non está o artista. Do que se trata, como di Cristina Trigo, responsable do Servicio Pedagóxico do CGAC, que argallou esta experiencia, «é que o público participe no proceso e entenda a relación entre o home e a natureza, o tempo como elemento clave na transformación da obra de arte e o papel activo que teñen os materiais para un artista coma Penone». Onte foi o primeiro día no que podían participar visitantes na esfolla. Empezaron voluntarios «enterados». Ata que chegou un mozo disfrazado de frade. E unha muller que rachou o silencio en que traballaban arreo, con preguntas como se os loureiros eran machos ou femias e se sabían distinguilos. E un grupo de mestres que toman parte na experiencia Arte en movimento , que logo de escoitar unha breve explicación sobre o por qué desta esfolla, fixeron comentarios como: «Non sei para que queremos un sistema educativo cheo de libros que non teñen moito sentido dentro da aula, sen coñecer os procesos». Noutros casos a expresión era entre incrédula e sorprendida, divertida e curiosa. Houbo a quen lle lembraba a esfolla do millo. E quen considerou que era un proceso «cheo de lecturas positivas». Pero entenderon mellor o sentido da arte.