O TINTEIRO | O |
08 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.LAMENTO fondamente que esta campaña se estea a converter nunha sorte de subasta, na que os candidatos compiten a ver quen da máis, quen minte máis, quen insulta máis e quen contribúe máis a desmovilizar a unha cidadanía farta do modelo de mitin tómbola, no que Zapatero e Rajoy, en lugar da boneca chochona, venden pisos, empregos, subvenciones, colexios e residencias da terceira idade. Parte do desencontro de moitos cidadáns coa política hai que buscalo no rechazo dos votantes a este modelo de candidato que vende de todo, en plan gran almacén, sen ter a humildade que require a xestión dos recursos públicos, unha tarefa complexa, chea de atrancos e na que inflúen intereses e presións tan grandes e tan fortes que poden converter un programa eleitoral nun papel de fumar. Eu coido que non hai traballo máis difícil que gobernar ben, para todos e con todos, pero polo visto nesta campaña electoral debe ser a cousa máis doada do mundo: uns pisiños por aquí, uns empregos por alá, uns centros de I+D por acolá. E así camiña esta campaña presidencialista na que só faltan as bandeirolas, as majorettes e a música de Loca Academia de Policía III .