Centenario

X.AMACIO LIÑARES GIRAUT

SANTIAGO

O FIADEIRO | O |

28 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

PARECE QUE se dá unha excelente disposición do Concello de Negreira para celebrarmos como merece o centenario do escritor Xulián M. Magariños (1904-1934). Tanto o alcalde Blanco Pazos como o concelleiro de cultura, Jorge Couso, comprométense a apoiar o realce desta efeméride, poñendo os medios precisos para unha conmemoración senlleira. Tamén a Consellería de Cultura vai celebrar un congreso en Negreira, para estudar e divulgar máis a figura de Magariños, un dos mozos universitarios que fundara o histórico Seminario de Estudos Galegos, no outono de 1923. Será no vindeiro setembro, nas datas nas que o polígrafo cumpriría cen anos. Seguro que o IES Xulián Magariños, o colexio O Coto e a asociación Afonso Eanes organizarán tamén actividades relacionadas con este evento, nun programa inda aberto a sumar novas iniciativas. Este será, pois, mesmo co placet oficial, o 2004. Ano Xulián Magariños Negreira . Respectando as diverxencias ideolóxicas e partidistas, debemos congratularnos desta aposta cultural compartida, porque espabilará o movemento cívico barcalés. E porque é de xustiza memorarmos os valores humanos e intelectuais de Magariños. Mágoa que tan só vivise 29 anos.