A XESTA | O |
17 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.A CIDADE ponse guapa, ou debería pórse, para recibir a eses seis millóns de habitantes que prometen pisar o enlousado monumental. Unha masiva afluencia que, en moitos casos, desfilará por diante dos meus narices mentras escrebo liñas como estas, ou deixará os utilitarios nesta ampla explanada que en tempos presidía o mercado de gando. Perto de cincocentos autobuses acamparán cada xornada entre o fisco e a UMAD tras valeirar a milleiros de almas diante do Apóstolo. Será un pasatempo, nos descansos desta atafegada existencia, coleccionar matrículas, nomes e procedencias dos autocares, como Pepa Fernández cando pasea polas rúas un día calquera. E pensar que vou saber a orixe dos colectivos de visitantes antes que as oficinas de turismo. Pero a cidade non é un atractivo únicamente para eses seis millóns (deixémolo en seis, aínda que o baile de cifras promete ser frenético) de turistas. Tamén o é para milleiros de individuos alados que atopan outros alicientes nesta cidade universal e teñen como primeiro monumento turístico o vertedeiro de Piñor (aínda que xa non sexa nengún comedeiro). Alguén me dicía recentemente que entre sortear ás masas nas rúas e vixiar as bandadas celestes ía a sufrir un xacobeo desacougado. As gaivotas, e outras aves, son visitantes máis asiduos e síntense a gusto cos composteláns. Pero non computan nas oficinas de turismo, non consumen nos locais hosteleiros nin suscitan dispositivos extraordinarios por parte das autoridades. E creo que si deberían suscitalos. Especialmente coas pombas, que non teñen o máis mínimo respeto polos anfitrións de a pé.