O FIADEIRO | O |
25 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.DENDE NARÓN convídannos a participar no congreso A represión franquista en Galicia. Será nos vindeiros días 4 ó 7 de decembro. Convoca o encontro a ferrolá Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática (www.artabria.com/memoria-historica-democratica). Teñen razón os organizadores cando escriben no folleto de presentación: «Dende a restauración democrática (...) mantense pendente a débeda moral coas xeracións que sufriron a represión durante catro décadas, despois do levantamento militar de xullo de 1936». A Terra de Santiago ben sabe tamén destas miserias. Pola precariedade do tríptico desta convocatoria -fotocopiado, en branco e negro- ben se albisca a escaseza de medios desta entidade, que, porén, ten a ilusión e a coraxe de artellar un congreso así, cun tema que segue a ser moi tabú, case proscrito ou clandestino, «deixando á nosa cidadanía orfa dunha dramática parte da súa historia», afirman. Nas xornadas haberá relatorios, debates e mesas redondas, recitais musicais e poéticos, exposicións artísticas, bibliográficas e fotográficas. Tamén homenaxes ás víctimas e ós represaliados. Será unha reflexión atinada sobre un anaco ben tristeiro do noso pasado. Para non esquecer.