TRIBUNA | O |
13 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.SANTIAGO FOI, na pasada lexislatura, un modelo de funcionamento para os pactos de governo BNG-PSOE no conxunto do país. A efectividade na xestión dos servizos públicos e as políticas progresistas en matéria social conformaron unha opinión pública favorábel a ese governo, que neste 2003 revalidou a confianza da xente entrementes o PP obtiña en Santiago os seus piores resultados nunhas eleizóns municipais. ¿Que pasa entón? Simplesmente, que o PSOE non quer revalidar o pacto, argumentando unha suposta radicalización do BNG. Só os máis inxénuos poden acreditar nestes argumentos. O talante aberto, flexíbel e dialogante do BNG está avondo contrastado ao longo dos catro anos de governo. ¿Mudamos de repente? ¿Somos tan diferentes a hai uns meses? As verdadeiras razóns, evidentemente, son outras: o acordo oculto -cada vez menos- co PP para a entrada en Sogama, a falta de compromiso para a extensión de servizos aos núcleos do rural ou o medo ao avanzo da participación. Con este comportamento do PSOE, que sementa dúvidas na sociedade sobre a posíbel extrapolación do entendimento a outros níveis institucionais, ¿que ten de facer o BNG? ¿Agardar cos brazos cruzados a que o saquen a bailar? ¿Calar cando o PSOE, co apoio do PP, privatiza servizos públicos como a Escola de Música?, ¿Mirar para outro lado en actuacións pouco claras na venda de vivendas protexidas?, ¿Gardar siléncio cando non se sabe xestionar a crise na Casa de Acollida e se anula a participación social? Se dar a nosa opinión é facer unha oposición frontal será só na medida en que a facemos coa cabeza. O BNG ten un proxecto para Santiago e desde o governo ou desde a oposición imo-lo defender, porque ese é o noso único compromiso. Imos apoiar as medidas positivas para a cidade e criticar o que funcione mal. E, sobretodo, imos continuar facendo as nosas propostas, algunhas aprovadas por unanimidade, e falando con todo o mundo. ¿Ou é que o direito a promover iniciativas e ao diálogo só o ten o PSOE?